O coñecemento, en situacións normais, tende a pasar de persoas a outras. Ou sexa, a compartirse. As novas tecnoloxías, neste senso, non son unha excepción. Vémolo todos días: ou ben pedindo axuda a quen sabe sobre un programa ou un servizo, ou ben achegando nós mesmos esa axuda de xeito desinteresado. O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta diríxese precisamente a tirar partido desta arela de dar o que sabemos en materia TIC, axudando a que non tivo a oportunidade ou a sorte de formarse nesa cuestión. Esta iniciativa de loita contra a fenda dixital vén de ser recoñecida, sen ir máis lonxe, pola Comisión Europea. De feito, segundo informa a axencia responsable do programa (AMTEGA), este será obxecto dun seminario Peer Review a nivel europeo como exemplo de boa práctica en materia de inclusión social a través das TIC.
Os seminarios Peer Review ou avaliacións por pares, informa AMTEGA, son unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea para difundir entre os países membro proxectos de interese en determinados ámbitos para fomentar a aprendizaxe e o intercambio de información a través da avaliación e a análise crítica por parte de expertos nesa materia. Este método supón que o Estado membro, cuxa iniciativa resultou elixida, organice un seminario no seu territorio ao que convida a representantes doutros países. O seminario para analizar o Programa de Voluntariado Dixital celebrarase en Santiago de Compostela este outono. A capital galega, engádese, acollerá a expertos europeos en políticas de protección social, inclusión social e novas tecnoloxías que estudarán a efectividade desta iniciativa.
Programa de Voluntariado Dixital
Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo “achegar as novas tecnoloxías á unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade”. A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital. Desde a súa posta en marcha, un total de 41 entidades de acción voluntaria, 14 organismos colaboradores e 23 empresas do sector tecnolóxico asinaron os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital. A isto súmase a solidariedade de 220 persoas que se adheriron a iniciativa como voluntarios dixitais.
O programa galego de Voluntariado Dixital, elixido pola UE como exemplo de boa práctica de inclusión social
Compartir Este Artigo
