
Na cita deste martes ante os medios estivo presente o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que fixo fincapé nas novas posibilidades que se abren co devandito investimento para as Universidades, os investigadores e as empresas galegas. Conde salientou que a rede permitirá que as nosas institucións educativas superiores “cheguen a centos de milleiros de fogares de xeito simultáneo, abríndolles a porta para que se incorporen a iniciativas de ensino masivo en liña”.
Tamén fixo saber que a Xunta e o Goberno investiron 3,4 millóns de euros neste proxecto, que ademais permite conectar Galicia coa rede científica portuguesa e lle subministra a capacidade axeitada para levar a cabo “ambiciosos proxectos”. E engadiu: “A iniciativa posibilitará compartir coñecemento a nivel galego e internacional dunha maneira máis rápida, flexible fiable e económica”.
Na presentación tamén participou o investigador da Universidade de Vigo David Posada, responsable dunha aplicación sobre filoxenética empregada por 40.000 usuarios de todo o mundo grazas a esta rede do CESGA. Posada, casualmente, tamén fixo uso de RECETGA-NOVA para presentar no centro compostelán o seu proxecto, a través dunha vídeo conferencia de alta definición “só posíbel grazas a nova infraestrutura”. En virtude desta mesma tecnoloxía tamén participou na presentación o presidente da Fundación para a Computación Científica Nacional de Portugal, João Nuno, quen incidiu nas devanditas oportunidades que se abren para a colaboración científica entre Galicia e Portugal.
No acto tamén se salientaron as potencialidades de externalización da nosa capacidade tecnolóxica, investigadora e empresarial. De feito, a rede servirá para conectar os centros e parques tecnolóxicos galegos co resto do mundo, poñéndose a disposición, tamén, das empresas que nacen no seo das propias universidades.
Sobre RECETGA
A Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) é unha infraestrutura de conectividade de alta capacidade que proporciona servizos de comunicacións e Internet de alta calidade á comunidade investigadora galega. RECETGA está destinada a satisfacer os seguintes obxectivos: por unha banda prover servizos de comunicacións á comunidade académica e de investigación como son conectividade a Internet e entre centros, servizos sobre a rede de multicast, IPv6, VPN de nivel 2 ou 3, realización de “testbeds” dedicados a experimentos, etc; e por outra banda RECETGA tamén facilita o acceso aos servizos ofertados polos propios centros de investigación integrantes de RECETGA (como é o caso de servizos de almacenamento, computación, e-learning e GIS do propio CESGA, a información meteorolóxica de Meteogalicia, contidos didácticos e de investigación de universidades galegas, etc.).
RECETGA creouse no ano 1993 e, despois de sucesivos cambios tecnolóxicos adaptándose ás novas tecnoloxías de transporte e transmisión, hoxe interconecta un total de 43 centros de diferente propósito. Desde o seu nacemento e ata a actualidade foi xestionada polo CESGA.
A rede RECETGA do CESGA multiplica por 800 a súa capacidade
Compartir Este Artigo
