O Clúster TIC Galicia recibiu os días pasados novos azos. Concretamente do grupo Seidor, fronte común de empresas especializadas no subministro de servizos integrais no eido das novas tecnoloxías da información, presente no mercado dende 1982 e con sedes de seu en 17 cidades españolas (incluíndo dúas galegas, unha na Coruña e outra en Vigo) e con múltiples presenzas en Latinoamérica, Portugal e Estados Unidos. Entre os seus ámbitos de meirande experiencia figura o de integración de servizos de xestión empresarial (no eido SAP) ou o desenvolvemento de traballos relacionados coa infraestrutura informática, a consultoría e o mantemento.
O grupo, informa o clúster galego, naceu co obxectivo de satisfacer a demanda de recursos informáticos para empresas de tamaño mediano e grande, centrándose inicialmente na área de Catalunya. O porqué da súa adhesión ao Clúster TIC Galicia radica, segundo informa a alianza empresarial galega, na súa longa actividade na nosa terra, contribuíndo á evolución tecnolóxica das administracións e das empresas e máis establecendo importantes acordos con diversas firmas galegas. Amais disto, a empresa considera o Clúster TIC Galicia como un elemento clave na evolución TIC e da Sociedade da Información na nosa terra. En virtude da formalización deste achegamento, Seidor terá á súa disposición servizos de formación, acceso a fontes de financiamento, networking e cooperación intra-cluster, así como ferramentas de mercadotecnia e comunicación. Ademais verá potenciada a súa competitividade e o seu I+D+I.
O grupo Seidor adhírese ao Clúster TIC Galicia
Compartir Este Artigo
