Malia que hai aínda medios que se negan a facer un uso extensivo de Internet (adoitan a usala para servir de reclamo á edición tradicional), as cifras indican que con con cada ano que pasa, increméntanse na plataforma tecnolóxica as posibilidades de negocio a través do marketing. Segundo un estudo de ZenithOptimedia publicado os días pasados, a publicidade en liña achega a maior parte do medre do investimento por medios. As culpables son, unha vez máis, as innovación tecnolóxicas postas ao servizo dos medios, das propias achegas de publicidade e máis dos soportes (cos smartphones dando o mellor de si e complementando ao computador como recursos de consulta). En total, calcúlase que o investimento en publicidade, a nivel global, subirá en 2013 un 3,9% (chegando aos 518 millóns de dólares a finais de ano).
A dos medios tradicionais medrará un 1,6%, e a de Internet un 14,4%. A coñecida como publicidade display (a dos banners), tradicionalmente a máis odiada polos internautas, terá casualmente un importante medre, impulsada polos novos xeitos de chegar ao posible cliente, menos abafantes e máis creativos. En total, estímase que crecerá un 20%. A publicidade de vídeo en liña e de rede social farao un 30%. Pola contra, dise no estudo, a que se inclúe nos xornais e revistas caerá nun -2% anual. Segundo se engade no estudo de Zenith, os mercados emerxentes serán os que amosen mellor comportamento no devandito, como por exemplo os de América Latina e Europa do Este, cunha contribución ao crecemento do 63% entre 2012 e 2015, incrementando a súa cota global de investimento publicitario do 34 ao 38%.
A Rede afiánzase como impulsora do medre global do investimento publicitario
Compartir Este Artigo
