O Consorcio da Zona Franca de Vigo informa dun novo paso na súa política de aforro enerxético: a instalación de lámpadas LED en tódolos seus edificios empresariais e/ou tecnolóxicos co obxectivo de reducir a pegada de emisión de gases contaminantes e aforrar custos en enerxía. Máis polo miúdo, este proceso implicará a achega de 3.000 lámpadas baseadas na dita tecnoloxía cos que substituír aos actuais tubos fluorescentes que ata agora iluminaban todas as instalacións de seu. Con este cambio, o Consorcio deixará de emitir unhas 80 toneladas/ano de CO2. “Esta redución de emisións prevista coa actuación”, informa o Consorcio, equivale á plantación de 4.025 árbores.
Ademais do beneficio ecolóxico, engade a entidade que preside Teresa Pedrosa, este cambio fornecerá uns importantes aforros de diñeiro público na factura enerxética en iluminación que pode cifrarse no 50% do consumo. En total, o investimento que se vai a levar a cabo ascende a case 100.000 euros.
Previamente á posta en marcha da iniciativa, o Consorcio levou a cabo unha auditoría enerxética analizando nas súas dependencias as actividades desenvolvidas e as necesidades de iluminación. Como resultado, nos vindeiros días vaise a proceder ao cambio de lámpadas nos edificios de oficinas de Bouzas e Balaídos, no Centro de Iniciativas Empresariais e no Centro de Servizos do Polígono A Granxa, así como nos Aparcadoiros Subterráneos da Praza da Estrela e do Centro Comercial A Laxe.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo levará a tecnoloxía de baixo consumo enerxético a tódalas súas instalacións
Compartir Este Artigo
