Kaspersky Lab, a compañía de produtos de seguridade e protección informática, está a informar dun importante medre do spam nas súas máis variadas manifestacións ao abeiro da mercadotecnia dixital. Isto tradúcese, entre outras cousas, nun proceso crecente de tentativas de calote ou fraude nas redes sociais de meirande uso. Por exemplo no Twitter, onde segundo advirte o dito laboratorio, non hai nova de actualidade ou evento de magnitude (coma os atentados de Boston dos días pasados) que non xeren múltiples bots novos nesta rede social, algúns dos cales desenvólvense a través de estudos semánticos e adaptan as mensaxes dependendo do perfil da vítima con de fin de asegurar a meirande marxe de éxito. Ou sexa, que falamos de spam cada vez máis a medida.
Segundo fai saber a compañía, para mitigar o efecto destas campañas é posible hoxe en día empregar técnicas de aprendizaxe automática que permiten unha taxa de detección de perfís fraudulentos de ata o 91% nalgúns experimentos. Sexa como sexa, a mensaxe que manda Kaspersky é a seguinte: cómpre que esteamos alerta, xa que malia que Twitter adoita identificar e neutralizar con facilidade estes bots, estes tamén se reproducen coa mesma facilidade. De feito, estes perfís robóticos mudan de xeito regular, cambiando a súa descrición e máis a súa foto, co fin de burlar as medidas de seguridade e afacerse á nova campaña. Segundo informa a empresa, “para unha determinada campaña de correo lixo con contido pornográfico con máis de 5.000 bots activos, estaban a crearse 250 novos por día”. Estes programas prexudican aos usuarios e á mesma rede social, engádese.
Porén, a maioría deles empregan un dicionario común para os tweets que envían, ademais das mensaxes spam, co fin de camuflarse como perfís lexítimos. Isto, informa a empresa, “facilita a súa localización, polo que teñen que implementar novas estratexias para evitar a detección da análise semántico, como mensaxes aleatorias con palabras que esta análise adoita ignorar”. O que temos é, polo tanto, un constante tirapuxa entre industria e desenvolvedores de bots, co desgaste que isto implica para a primeira (principalmente) e, tamén, para os usuarios das comunidades, que perden a confianza na seguridade dos eidos 2.0.
Advirten dun crecemento imparable do spam ao acubillo da mercadotecnia dixital
Compartir Este Artigo
