A multinacional de informática Intel anunciou esta semana o lanzamento da súa nova microarquitectura Silvermont de baixo consumo e alto rendemento. Trátase, máis polo miúdo, dunha remodelación dos sistemas integrados de transistores Tri-Gate en proceso de 22 nanometros e que, segundo informa Intel, é quen de achegar un rendemento e unha eficiencia enerxética moi superiores. En concreto, ofrece un rendemento máximo ata 3 veces superiores respecto dos procesadores da xeración actual Atom da multinacional. Asemade, fornece un consumo ata 5 veces menor a un mesmo nivel de rendemento.
Silvermont, engade Intel, será a base para un amplo abano de produtos con tecnoloxía de 22 nm (ou sexa, 22 nanometros, en donde 1nm é igual a unha mil-millonésima parte dun metro) dirixidos aos sectores das tablets, smartphones, microservidores, infraestruturas de rede, almacenamento e outros segmentos de mercado, incluíndo portátiles de gama básica e sistemas de información e lecer para vehículos. “Silvermont representa un chimpo cualitativo, así como toda unha nova base tecnolóxica para a creación de futuras solucións dirixidas a un amplo espectro de produtos e segmentos de mercado”, afirmou Dadi Perlmutter, vicepresidente executivo de Intel e responsable de produtos. Por certo que as primeiras mostras dos SoC (system on chip ou sistema integrado nun chip) fabricados en proceso de 22nm SoCs, que inclúen Bay Trail e Avoton, xa se están a gañar importantes comentarios positivos por parte dos clientes, engade o vicepresidente executivo. E apunta: “De face ao futuro, continuaremos acelerando a aparición das vindeiras xeracións desta microarquitectura de baixo consumo, cunha cadencia anual”.
Intel presenta a súa microarquitectura Silvermont de baixo consumo e maior rendibilidade
Compartir Este Artigo
