O Camiño de Santiago xa forma parte dos mapas incluídos na Plataforma MiTierra Maps da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente. Emporiso, o mapa interactivo do Camiño compostelán -dispoñible dende o mes de outubro de xeito gratuíto para iPhone e Android- foi creado pola citada fundación en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e achega unha visión alternativa á ruta, permitindo aos peregrinos planificar o seu percorrido dende outro ollar. Cómpre engadir que esta achega posúe como novidade un mapa específico do Camiño de Santiago francés que xeolocaliza iniciativas e recursos ligados á súa cultura e que, á súa vez, están directamente relacionados co ámbito rural e natural.
Deste xeito, os camiñantes terán á súa disposición (tamén en inglés) toda a información precisa sobre diversos aspectos como: 40 árbores senlleiras, 24 experiencias de emprendemento sustentable, 19 rutas de sendeirismo alternativas e 80 iniciativas relacionadas co turismo rural e cultural, distribuídas ao longo do percorrido.
Por último, sinalar que MiTierra Maps é unha plataforma social, interactiva e multimedia que, a través dun sistema de capas de información, permite consultar a través do PC (e da súa aplicación gratuíta para dispositivos iPhone e Android), contidos xeolocalizados dun turismo máis sustentable.
Os peregrinos xa poden levar no seu móbil un mapa interactivo (e alternativo) do camiño compostelán
Compartir Este Artigo
