A Xunta vén de habilitar a segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite para familias e PEME das zonas con maiores atrancos de cobertura, ou sexa, aquelas nas que é impracticable achegar accesos ás redes con outro tipo de recursos que non sexan vía satélite. A medida, que non é nova e tivo un precedente (unha primeira edición) en 2012, inclúese ao abeiro do Plan de Banda Larga da Xunta. Estas axudas, publicadas este venres no DOG (pdf), serán xestionadas polos operadores de telecomunicación que sexan acreditados polo Goberno galego como entidades colaboradoras e que desde este sábado 11 de maio teñen un mes para presentar as súas solicitudes.
O prazo para que cidadáns e PEME poidan solicitar as axudas abrirase unha vez se publique no DOG a relación de entidades colaboradoras seleccionadas. Esta medida é posible grazas ao convenio asinado o pasado ano entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), que achegará o importe de 1.077.000 millóns de euros no período 2012- 2014.
Os beneficiarios das axudas serán familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á permanencia no servizo durante un ano. O usuario deberá contratar un servizo de banda larga vía satélite de cando menos 2Mbps de velocidade de baixada. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.
Con estas axudas a Administración autonómica busca “avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade”.
Aberta a segunda convocatoria de axudas para que as familias e as PEME máis illadas da nosa terra accedan á Rede vía satélite
Compartir Este Artigo
