O Gran Hotel de Santiago de Compostela acolleu os días 10 e 11 de maio o Curso sobre Peritaxes e Informática Forense organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). No ciclo formativo, que contou con algo máis de 20 alumnos, abordáronse as últimas novidades en materia de procedementos e práctica da profesión de perito informático, así como diversas cuestións relacionadas coas obrigas fiscais e mercantís que supón o desenvolvemento da profesión de perito informático. O curso tivo unha duración de nove horas e media, repartidas en xornada de venres tarde e sábado pola mañá, e forma parte da programación da Aula de Formación e Capacitación Profesional do CPETIG.
Para o colexio, é fundamental crear e formar expertos que coñezan as últimas técnicas probatorias e o valor das mesmas, así como manter un elevado nivel de instrución e coñecementos sobre os avances técnicos e legais. Os asistentes ao ciclo recibiron ademais un exemplar do libro La peritación informática: un enfoque práctico. O curso incluíu dous módulos diferenciados en cada unha das dúas xornadas das que constou. Na primeira, da man do bufete especializado Pintos&Salgado abordouse a cuestión da normativa procesal pericial, así como da propia normativa relacionada coas pericias tecnolóxicas.
Na segunda xornada, na que participaron como relatores o economista Andrés Villamarín, o responsable de sistemas José Luis Rivas e o membro do Corpo Oficial de Peritos do CPETIG, Juan Luis Míguens, abordáronse conceptos ligados á metodoloxía da análise forense e da elaboración dos informes periciais, así como coas obrigas fiscais e mercantís dos propios peritos.
As novidades en informática forense, ao detalle no curso celebrado en Santiago polo CPETIG
Compartir Este Artigo
