O dominio propio que tanto estamos a arelar, o .gal, semella cada día máis preto. E máis se temos en conta que países nunha situación histórica e cultural semellante á nosa están a acadar xa o recoñecemento definitivo de ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers), a organización que xestiona a nivel internacional os nomes de dominios, para teren un de seu. É o caso de Bretaña (Breizh en bretón), que vén de culminar dez anos de de peticións e esforzos para ter un distintivo propio Rede, máis polo miúdo o .bzh.
O recoñecemento está a ser acollido con moita ledicia no devandito país, emprazado como saberemos no noroeste de Francia, como por exemplo dende a asociación pointbzh, impulsora da campaña e equivalente, en boa maneira, ao noso Puntogal.
Estes e outros pasos dados polo organismo ICANN non fan máis que incrementar os bos agoiros respecto a un máis que posible recoñecemento ao noso pobo na Internet (co devandito .gal). Como lembraremos, a asociación que está a promover o noso noso dominio, a asociación Puntogal, informou recentemente que a dita entidade internacional publicou xa a listaxe de candidatos a novos dominios sobre os que pende algunha queixa formal por parte do organismo, outras candidaturas ou membros da comunidade da Internet. En virtude o traballo do colectivo galego e da cidadanía, o .gal está fóra desta e doutras clasificacións nas que se inclúen candidaturas que xeren dúbidas sobre a súa conveniencia ou implicacións. Por estes e outros motivos, hai datos de abondo como para agardar que o dominio galego sexa finalmente unha realidade este verán, tal e como sinalamos hai uns días dende Código Cero.
ICANN outórgalle a Bretaña (Breizh) o dominio de seu, o .bzh
Compartir Este Artigo
