Este mércores 15 de maio, o salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago, acolle un máis que interesante relatorio para introducírmonos nos principais recursos dispoñibles na actualidade para acadar a xestión da información máis segura posible dentro do ámbito público. O relatorio vén da man de Rafael Millán, letrado da Xunta de Galicia e profesor asociado de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago. A cita está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e insírese no seu Curso Superior de Administración Electrónica (que vai pola terceira edición). O relatorio comezará ás 17.00 horas e é de entrada libre.
Baixo o epígrafe de Administración Electrónica segura, datos e normas, o profesor e letrado abordará os procesos de modernización que deben pasar, en opinión do conferenciante, por “unha fase previa de formación de funcionarios, de adquisición e implantación de medios e sistemas informáticos e de oferta á cidadanía de servizos da Sociedade da Información”. A conferencia versará sobre as vantaxes que ofrece a chamada Administración Electrónica para a propia administración e, sobre todo, para a cidadanía, a través dunha visión xeral das disposicións que se promulgaron nos últimos 10 anos.
O Curso Superior de Administración Electrónica, dirixido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ofrece un total de 50 prazas e a súa duración é de 114 horas, das que 84 son teóricas e 30, prácticas. A actividade pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da eAdministración, incidindo na importancia que ten o seu afianzamento nas distintas entidades públicas galegas. Os destinatarios do curso son funcionarios das nosas diferentes administracións, así como tamén das universidades, abranguéndose igualmente o persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.
Ao abeiro do acordo existente entre o colexio e a EGAP, os colexiados e colexiadas obteñen un prezo especial na matrícula de 350€, fronte aos 500 euros que deben pagar aqueles alumnos non funcionarios.
Rafael Millán fala este mércores en Santiago dos métodos para acadar unha eAdministración segura
Compartir Este Artigo
