España segue a ostentar a dubidosa honra de estar entre os países que máis merda acubillan e mandan por correo electrónico, co agravante de que este lixo non é só lixo que poidas coller e botar á papeleira, non, do que se trata é de tentar, unha vez tras outra, que os internautas abran a súa carteira logo de ensarillalos con todo tipo de calotes en liña, decote de tipo bancario (phishing). En definitiva, que o país continúa a ocupar a cabeza dos máis phishers do mundo (a día de hoxe no posto 12), e xa son moitos anos ocupando os primeiros chanzos desta listaxe (en Código Cero xa o levamos reflectindo dende 2006). Así o reflicte o último informe de correo lixo en 2013 de Kaspersky Lab.
Segundo se engade, os responsables deste fluxo de información centráronse este ano en chamar a atención dos internautas empregando nomes de sona, acontecementos mundiais ou falsificando mensaxes de notificación de recursos populares. Tamén houbo un bo cargamento de adxuntos maliciosos, salientando programas para roubar contrasinais ou troianos que se fan con datos de banca en liña. Ademais, moitos envíos masivos de spam contiñan ligazóns a conxuntos de exploits: no primeiro trimestre de 2013 o máis popular entre os delincuentes foi Blackhole.
Segundo se engade no informe durante o primeiro trimestre de 2013 a cantidade de correo lixo no tráfico de correo sufriu grandes subas e baixadas, acadando unha media do 66,55%. Ou sexa, un 0,53% máis que o trimestre anterior. Un repunte destes correos produciuse tras a elección do novo Papa ou logo da morte de Hugo Chávez, esta última cuestión acompañada de todo tipo de titulares de tipo sensacionalista que insinuaban que o goberno de EE.UU. e a CIA estaban involucrados na morte do presidente, e propúñanlle ao usuario seguir a ligazón para ver un vídeo sobre o tema. Quen o fixo, acabou nun sitio comprometido dende o que se lle reenviou un código malicioso.
Volvendo á clasificación por países, na investigación faise saber que no primeiro trimestre de 2013 China (24,3%) e EE.UU. (17,7%) seguiron confirmándose como líderes entre os países-fonte de spam. Corea do Sur ocupou o terceiro posto cunha porcentaxe elevada (9,6%). Este último tivo no seu punto de mira, preferentemente, a Europa.
No que se refire á distribución, no primeiro trimestre de 2013 volvéronse frecuentes os ataques ás redes sociais (37,6%), cos ciberdelincuentes facendo moitas falsificacións das notificacións de Facebook e LinkedIn. No segundo lugar están os sistemas de procura (16,2%). Segundo explica Kaspersky, “a alta posición dos motores de procura pódese explicar porque as grandes compañías que son as súas donas tamén ofrecen moitos outros servizos, como espazo en discos virtuais, correo electrónico, redes sociais e moitas outras cousas; con frecuencia o contrasinal de todos os servizos é a mesma, por iso os sistemas de procura son tan apetecidos polos delincuentes cibernéticos”.
No terceiro posto están as organizacións financeiras e de pagos (14,2%). En opinión de Kaspersky, é importante salientar que, a diferenza de, por exemplo as redes sociais, onde gran parte dos ataques corresponden a unha ou dúas organizacións, “a distribución dos ataques aos bancos é máis uniforme: atácase unha enorme cantidade de diferentes bancos, tanto grandes e famosos en todo o mundo”.
España, no posto 12 da listaxe de países de aloxamento de sitios phishing
Compartir Este Artigo
