Telefónica I+D está a presentar estes días un novo servizo de seu relacionado con dar reposta á nosa demanda de mellor conectividade, o servizo BeWifi, unha nova solución que permite redistribuír os Mbps que os usuarios non empregan para aumentar a velocidade da conexión da persoa que a estea empregando en cada intre. Máis polo miúdo, BeWifi conéctase de xeito automático por Wi-Fi (sen fíos) con varios routers, no canto de con un só, de xeito que os Mbps que non usan os demais aparellos repártese para que os empregue quen os precise. Desta maneira, informa Telefónica, “recíclase a conectividade e ofrécese máis velocidade”.
De feito, engade cantos máis usuarios haxa, máis puntos de acceso poderanse ter “para gozar dunha conexión Wi-Fi rápida e segura, xa que os routers de todos os usuarios convértense nunha rede enorme de puntos de acceso”.
A un nivel de uso práctico e para sacar partido do devandito, Telefónica achega xa o chamado BeWifi Box, un equipo que se instala conectándose ao router ADSL existente e que se encarga de ligar de xeito automático con outras BeWifi Box. “Con esta solución”, explícase, “só se distribúen os Mbps que non se usan e o usuario sempre pode contar co 100% da conexión, de modo que se aproveita o feito de que poucas veces se utiliza toda a capacidade da conexión durante o día”. No que atinxe á seguridade, a operadora fai fincapé en que os aparellos de BeWifi teñen dous sinais, un privado e outro público, e que están sempre afastadas para garantir que a actividade dun internauta non prexudique aos outros.
Telefónica lanza o servizo BeWifi para sumar e redistribuír largura de banda
Compartir Este Artigo
