A firma galega Appentra Solucións, da que falamos o pasado verán para informar da incorporación ao viveiro de empresas da Universidade da Coruña, vén de ser obxecto dun novo pulo á súa actividade, desta volta da man do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), que aprobou concederlle un fondo de financiado Neotec. Para os responsables de Appentra, a achega ten un duplo valor engadido: non só fornece de materia prima orzamentaria para medrar en alcance e innovación senón prestixio e recoñecemento de cara aos restantes integrantes dun mercado, o tecnolóxico-dixital, cada vez máis competitivo. Segundo engaden, “este prestixioso fondo só se concede a empresas de base tecnolóxica con liñas de I+D propias e que teñen unha estratexia de negocio baseada no dominio intensivo do coñecemento científico e técnico”.
Segundo informan os socios-directivos da firma galega, o obxectivo de Appentra no proxecto Neotec xa aprobado é o desenvolvemento e comercialización de ParallWare. Este é un novo produto software para acelerar de xeito automático os cálculos en aplicacións de simulación que teñen altas necesidades computacionais e que requiren cambios frecuentes para mellorar as funcionalidades existentes ou para incorporar novos servizos. “O gran reto que aborda Appentra é a paralelización automática de aplicacións secuenciais xerando un programa paralelo correcto que produza un resultado equivalente ao do programa secuencial”, explican.
Lembrar que a actividade innovadora de Appentra baséase na adaptación e aplicación da súa tecnoloxía a outros tipos de sistemas HPC amplamente empregados no mercado HPC (computación de altas prestacións). Este proceso de evolución dos seus desenvolvementos virá acompañado do deseño, materialización e comercialización de novos produtos innovadores que cubran necesidades reais de diferentes segmentos do mercado HPC. “Grazas a este financiamento”, explican os socios-directivos facendo fincapé nas finalidades e aplicacións concretas da achega do CDTI, “Appentra logrará cubrir os seus obxectivos estratéxicos na fase de arranque da empresa”.
Appentra ten previsto iniciar unha primeira rolda de financiamento externo no último trimestre do 2013 onde daría entrada a capital privado.
Achega do CDTI
O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) é unha entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Economía e Competitividade que promove a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas españolas. É a entidade que canaliza as solicitudes de financiamento e apoio aos proxectos de I+D+i de firmas estatais nos eidos español e internacional. O obxectivo do CDTI é contribuír á mellora do nivel tecnolóxico das empresas españolas mediante o desenvolvemento das seguintes actividades:
Avaliación técnico-económica e financiamento de proxectos de I+D desenvolvidos por empresas.
Xestión e promoción da participación española en programas internacionais de cooperación tecnolóxica.
Promoción da transferencia internacional de tecnoloxía empresarial e dos servizos de apoio á innovación tecnolóxica.
Apoio á creación e afianzamento de empresas de alicerce tecnolóxico.
O CDTI concede un prestixioso fondo de financiamento á galega Appentra
Compartir Este Artigo

