A nosa terra conta xa cun novo escenario de actividade en liña para o noso tecido empresarial máis interesado en comprometerse co desenvolvemento da súa contorna. Tal e como avanza a Consellería de Traballo (responsable desta iniciativa), estamos ante un Centro de Coñecemento e Difusión da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) que se encargará de impulsar e difundir o impacto positivo desta materia nas empresas e facendo especial fincapé nas PEME, e todo a través da páxina web www.netrse.org. O proxecto, inserido na Rede transrexional de impulso da RSE que lidera o devandito departamento da Xunta, diríxese tamén a afianzarse como un punto de encontro das PEME para a participación arredor do devandito concepto (a pegada positiva, a curto, medio e longo prazo, dunha compañía na contorna na que se insire dende o punto de vista social, económico, cultural ou medioambiental).
O centro de coñecemento será tamén un elemento de difusión sobre o estado da RSE nas Comunidades Autónomas participantes no proxecto: Galicia, Navarra, Tenerife e Val do Minho, a nivel nacional e internacional.
Asemade, persegue crear e formalizar unha rede de empresas, co apoio das administracións, para a posta en común de experiencias, metodoloxías e ferramentas neste eido; escolmar puntos de vista e información das PEME para identificar necesidades e recursos de RSE, así como axudas e servizos de asesoramento; e ser un referente na difusión e transferencia de boas prácticas nas súas tres dimensións: económica, social e ambiental.
Esta iniciativa forma parte dun conxunto de actuacións no marco do proxecto, que inclúe iniciativas como a celebración de círculos de traballo co protagonismo das empresas para a obtención do seu punto de vista sobre os atrancos para integrar iniciativas e as bondades das mesmas; realización de estudos e informes sobre o estado da RSE nestas pequenas e medianas empresas; ou o deseño de novas ferramentas para a sensibilización e medición do impacto positivo da Responsabilidade Social Empresarial.
En marcha un centro de información para impulsar a través da Rede a responsabilidade empresarial
Compartir Este Artigo
