O Autobús da Innovación, unha iniciativa posta en marcha por Cisco e Telefónica e cuxo obxectivo é achegar ás empresas as solucións tecnolóxicas de última xeración, chega este mércores a Vigo onde ficará emprazado no Hotel Samil. O autobús trasladarase ao día seguinte a Ourense (6 e 7 de xuño). O vehículo, á par unha sala de demostracións e exposicións, dará a coñecer “os últimos avances tecnolóxicos deseñados para axudar ás empresas galegas a aforrar custos, optimizar procesos e mellorar a súa produtividade”, informan Telefónica e Cisco, para as que está claro que vivimos nuns tempos en que son especialmente necesarios os traballos dirixidos a sermos máis eficaces e rendibles, e máis nun contexto económico onde se esixen meirandes doses de axilidade á hora de tomarmos decisións empresariais. Precisamente as tecnoloxías que os profesionais galegos poderán ver in situ no devandito roadshow diríxense cara a achegar máis eficacia e rendibilidade.
As demostracións terán un carácter práctico e se levarán a cabo en horario de mañá (de 9:30-11:30 e de 12:00-14:00 h.) e tarde (16:00-18:00h.). Un equipo de profesionais a bordo do Autobús da Innovación será o encargado de amosar os distintos servizos e solucións de negocio integrables nos apartados de redes, ferramentas de colaboración, computación na nube e seguridade. Máis polo miúdo, engaden Cisco e Telefónica, “as organizacións poderán descubrir as vantaxes de contar cunha rede intelixente e segura con capacidades de autoxestión para interactuar con socios, clientes e provedores, con independencia da súa localización, desbotando as fronteiras e incrementando a axilidade empresarial”. Esta rede, explican, permite á súa vez integrar voz, vídeo, datos e mobilidade sobre unha plataforma de colaboración que mantén os grupos de traballo conectados, acelerando a toma de decisións; ademais de reducir os custos das comunicacións ata nun 50 por cento e facelo dunha forma segura e en todo tipo de dispositivos. As empresas exporán tamén a súa proposta arredor da computación na nube como novo modelo informático e de negocio “que simplifica o acceso aos recursos das tecnoloxías da información de maneira dinámica e baixo demanda; todo iso, coas últimas solucións de seguridade baseadas no contexto e integradas coa rede”.
O Autobús da Innovación percorrerá dez cidades en seis meses e, a través del, Cisco pon en práctica a súa idea de que “as organizacións españolas poden aprender, con independencia do seu tamaño e sector de actividade, como levar a innovación a toda a cadea de valor, integrando ferramentas de colaboración e comunicación coas aplicacións e os procesos empresariais”.
Chega este mércores a Samil o autobús tecnolóxico de Cisco e Telefónica
Compartir Este Artigo
