A nosa comunidade en liña ferve estes días de experimentación arredor da posta en marcha de novas canles de difusión audiovisual diametralmente opostas ás xa coñecidas. Se os días pasados falamos de Adtlántida.tv e Irmandade.tv, o panorama de certo que vai camiño de enriquecerse coa inminente chegada de Galiza Ano Cero, nova canle de televisión sen arela de lucro arestora en fase de recadación de apoios a través do método do crowdfounding (mobilización de pequenos produtores-internautas que suplen as carencias de financiamento, privado e público, propias destes tempos). Pois ben, segundo os seus propios creadores contan en Verkami, a plataforma de recadación 2.0, estariamos ante unha aplicación ao contexto galega das máis innovadoras tendencias en materia de coñecemento aberto: contidos producidos de maneira colectiva e horizontal en código aberto e con transparencia, da comunidade para a comunidade, e difundidos baixo unha licenza Creative Commons. Ou sexa, que máis nunca estariamos a falar de outra televisión, en todo o senso da expresión.
Con todo, Galiza Ano Cero será máis cousas. Por exemplo: unha comunidade aberta de traballo para desenvolver, ombro con ombro, unha ferramenta (non unha mercadoría) ao servizo da comunicación libre e fiable. Asemade, os seus promotores concíbena como un banco de tempo administrado de xeito colectivo polos propios membros, deixándose marxe de abondo para afrontar os labores derivados da produción audiovisual de xeito democrático e sustentable, “optimizando esforzos e recursos e permitindo a implicación de calquera”. O alicerce do proxecto é o seu carácter de asociación cultural, de colectivo autofinanciado mediante as cotas das socias e as doazóns de calquera que se constitúe ao mesmo tempo que nacen a canle e a comunidade. A iniciativa, segundo se conta, está a piques de comezar a emitir, empezando con dous programas quincenais, un de debate político e outro de entrevistas.
Pulo a un novo proxecto de televisión galega, colectiva e libre: Galiza Ano Cero
Compartir Este Artigo
