Para quen saiba o que pode provocarnos a primavera e cousas como o polen das gramíneas, alén das tradicionais alteracións no noso comportamento, probablemente non está de máis, senón todo o contrario, a ferramenta da que imos falar. Trátase dunha nova aplicación de balde para smartphones e tablets que permite medir cada semana o impacto da alerxia respiratoria na produtividade laboral e escolar, así como nas tarefas cotiás. O desenvolvemento, chamado Allergy Track, funciona así: tras respondermos a unha enquisa “validada cientificamente”, obtemos decontado en pantalla os resultados, indicando en porcentaxes de canto perdemos en produtividade e rendemento.
Allergy Track foi desenvolvida por Stallergenes, en colaboración coa Federación Europea de Asociacións de Pacientes con Alerxia e Enfermidades Respiratorias (EFA), para axudar aos alérxicos a controlar mellor a evolución da súa enfermidade. A ferramenta, incide a empresa, acompaña ao paciente desde o intre en que pensa que podería ser alérxico ata a visita ao especialista, xa sexa a inicial ou as posteriores visitas de seguimento. Con esta nova aplicación, engádese, os usuarios poden, ademais, “informar o seu médico dos episodios de alerxia respiratoria que padezan no intre de producirse, valorar a intensidade e frecuencia dos seus síntomas (proído de ollos, conxestión, esbirros, dificultades para respirar) e consultar un diario para revisar a súa evolución”. Recibir alertas ao comezo da estación polínica e consellos para evitar ou minimizar a exposición a alérxenos respiratorios son outros servizos que fornece o dispositivo.
Dispoñible unha nova aplicación que avalía o impacto das alerxias respiratorias
Compartir Este Artigo
