A plataforma SAM-TV, unha tecnoloxía galega para impulsar, favorecer e integrar os coidados telemáticos entre os nosos maiores (empregando a comunicación por televisión), vén de recibir un importante pulo esta semana que comeza. Concretamente, o pulo da Universidade de Vigo e da Consellería de Traballo e Benestar, que están a instalar estes dispositivos en 20 fogares da dita cidade galega e a súa contorna e co obxectivo de atender ás persoas e mellorar a súa calidade de vida a través do uso das novas tecnoloxías da comunicación. A iniciativa suporá un investimento de máis de 20.500 euros. A UVIGO realizará, ademais, un estudo detallado da experiencia dos usuarios con este sistema para analizar despois as súas principais conclusións.
A través da plataforma SAM-TV, os usuarios poden acceder a servizos que se ofertan a través de internet, pero por medio da televisión coa axuda dun mando a distancia para axudar a aqueles que teñan dificultades para empregar un computador. O sistema posibilita consultar documentos ou usar as redes sociais e tamén realizar exercicios de rehabilitación, manter unha conversa por videoconferencia ou programar recordatorios ou alarmas. En resume, a tecnoloxía permite que as persoas con limitacións físicas ou cognitivas manteñan “a súa independencia e autonomía persoal, así como facer fronte á soidade que en moitos casos padecen pola súa dificultade para as relacións sociais”, informa a consellería, que tamén quere traballar a prol da permanencia dos nosos maiores no seu medio habitual de vida, “incrementado a súa mobilidade e seguridade no domicilio, a súa participación social e promoción da autonomía persoal”.
Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo Envellecemento + Activo. Segundo engade a consellería, o pasado ano desenvolveuse, tamén en colaboración coa Universidade de Vigo, un proxecto piloto coa instalación de 40 dispositivos SAM-TV de forma experimental en fogares das cidades de Vigo e Ourense. Para a súa posta en marcha, o departamento autonómico ascendeu a máis de 77.500 euros.
Súmanse 20 fogares de Vigo á tecnoloxía de teleasistencia para maiores SAM-TV
Compartir Este Artigo
