As empresas galegas Tagtum e Nea, especializadas no sector tecnolóxico dixital, presentaron a semana pasada no Club Financeiro de Vigo a tecnoloxía Tagtum OriginalDoc, unha achega que cualificaron de “pioneira a nivel mundial” e que viría a abrir importantes garantías de seguridade e autenticidade, ata o de agora non vistas nin probadas, para os documentos orixinais. En concreto, Tagtum OriginalDoc é un sistema de impresión de documentos orixinais “con garantía inequívoca de autenticidade en liña”. Ou sexa, que facilita ao usuario a verificación de que un arquivo procede de onde di proceder e da man de quen asegura proceder. Esta certificación dun documento lévase a cabo coa axuda do noso smartphone, en calquera lugar e os 365 días do ano, informaron as dúas empresas.
Permítenos tamén realizar trámites oficiais sen necesidade de copias compulsadas e facilita a garantía de orixinalidade “sen ter que memorizar complexas claves”, engadiron. E todo nun tempo que non vai alén dun par de segundos.
Tagtum e Nea tamén amosaron as pezas máis importantes para o funcionamento desta tecnoloxía, que son por unha banda o papel electrónico (documento orixinal) que posúe unha capa tecnolóxica única, anti-copia, e por outra banda un dispositivo intelixente que confirma a autenticidade do documento orixinal. O acceso ao documento orixinal é confidencial e o seu contido atópase dispoñible en diferentes formatos e soportes: no computador, no smartphone e no propio papel. Segundo fixeron saber, “non existen dous documentos iguais: cada papel electrónico é único grazas a esta capa tecnolóxica anti-falsificación/anticopia”. Entre os beneficiarios potenciais deste desenvolvemento atópanse institucións (administracións públicas en xeral, sanidade, educación, xustiza) empresas privadas e particulares. OriginalDoc, engadiron as empresas, pon á súa disposición múltiples utilidades de aplicación tanto na contorna da macroeconomía como nas tarefas máis cotiás ou privadas: “Por exemplo, poderemos acreditar a autenticidade dun contrato, impedir a falsificación de documentos académicos como as cualificacións e, por suposto, protexer os proxectos, desenvolvementos, prototipos e avances en I+D das nosas empresas”. A nivel de institucións públicas, Tagtum e Nea coincidiron en falar de xiro de 180 graos e de importante avance en materia de Adminmistración Electrónica.
Segundo declarou Manuel Montes, director de Tagtum, “a tecnoloxía non só se desenvolve en Silicon Valley, xa que tal e como funciona o mundo tecnolóxico hoxe en día, produciuse unha igualación entre pequenas e grandes empresas, e unha pequena empresa cunha gran idea pode acceder a grandes mercados e multinacionais. Trátase de acertar coa idea e dar resposta a unha necesidade real e non de grandes estruturas empresariais”. Segundo manifestou Manuel Rivas, director de Planificación e Desenvolvemento de Negocios de Nea, “desde Galicia pretendemos revolucionar o mundo da impresión e a seguridade de datos e documentos de carácter privado, empresarial e institucional, como no seu intre desde Arteixo revolucionouse o mundo da moda”.
Tagtum e Nea lanzan unha tecnoloxía que permite emitir documentos orixinais antifalsificación
Compartir Este Artigo
