Até 48 concellos da provincia de Lugo participan arestora nunha iniciativa común para achegar acceso Wi-Fi de balde á cidadanía, dende prazas e consistorios. A medida vén da man da Deputación de Lugo, que ofreceu un paquete de oito servizos tecnolóxico-dixitais aos gobernos municipais da provincia a través do proxecto Innova-TE, unha medida que significaría un aforro de 2 millóns de euros para as arcas, en conxunto, dos concellos. Aparte de equipamento e servizos -a propia rede Wi-Fi, a mellora da calidade da banda larga ou a creación e actualización de páxinas web- as entidades locais terán á súa disposición un equipo de 12 profesionais para resolver dúbidas sobre as TIC. Estas achegas, incluída a de Wi-Fi público, comezaron a implantarse xa en 18 dos concellos. Un deles é o de Monterroso, do que podemos ver xa un vídeo explicativo sobre o funcionamento e vantaxes destes servizos.
O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este martes na devandita localidade o inicio dos traballos cos que o organismo dotará gratuitamente de conexión sen fíos de acceso a Internet a prazas e consistorios de toda a provincia. Gómez Besteiro anunciou que as actuacións iniciáronse xa de maneira simultánea en 18 municipios, pertencentes ás comarcas da Ulloa e a Zona Sur, e ao longo deste mes comezarán nas 30 localidades restantes. A previsión é que o conxunto dos traballos estean listos en setembro. En cada concello, fixo saber, a Deputación habilitará tres puntos de conexión: 2 en prazas consistoriais e 1 no interior das propias casas consistoriais, cunha velocidade de 256 kbs por segundo, o máximo legal permitido para este tipo de servizos prestados por administracións públicas. “Deste xeito”, informou Gómez Besteiro, “os veciños destas localidades dispoñerán de acceso a Internet libre e gratuíto dende calquera dispositivo móbil: ben un ordenador portátil, PDA ou teléfono, a espazos web coma páxinas institucionais, redes sociais ou correos webmail”.
O presidente, que estivo acompañado polo director dos departamentos provinciais de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, e o alcalde de Monterroso, Antonio Gato, salientou “a boa acollida que este tipo de servizo ten entre a cidadanía”, poñendo como exemplo o propio acceso Wi-Fi que a Deputación puxo en marcha na praza e nos xardíns de San Marcos. E engadiu, ao fío disto: “Dende hai un ano, unhas 54.000 persoas utilizaron a rede, cunha media diaria de 150 usuarios, o que pon de manifesto ou seu éxito; ademais rexistráronse entradas en 8,5 millóns de espazos web, cunha media de 23.000 páxinas ao día”.
A iniciativa de despregue de tecnoloxías Wi-Fi que impulsa o organismo provincial beneficiará a tódolos concellos de Lugo agás ao de Foz, que segundo apunta a institución que dirixe Gómez Besteiro, negouse a beneficiarse da mesma.
Comeza o despregamento de Wi-Fi para os espazos públicos de 48 concellos de Lugo
Compartir Este Artigo
