Os investimentos europeos seguen a achegar enerxía para as nosas empresas, sobre todo no camiño da posta en marcha de iniciativas novas de mercado e máis na renovación das xa existentes, do seu pulo cara ao futuro. En total, foron 10.658 os proxectos co-financiados na nosa terra polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no período 2007-2012 no eido da economía do coñecemento e da innovación empresarial. Desta cifra, 7.545 pertencen ao Eixe 1 de Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, Sociedade da Información e TIC); e deles, 679 acadaron apoio orzamentario o ano pasado. Por outra banda, 3.133 proxectos foron co-financiados no marco do Eixe 2 de Desenvolvemento e innovación empresarial, 605 na anualidade 2012.
Estas e outras cifras foron dadas a coñecer este xoves en Santiago, no transcurso da celebración do Comité de Seguimento do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER-Galicia 2007-2013. A reunión contou coa presenza de representantes da Comisión Europea e da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda. Por parte do Executivo galego, encabezou este foro a directora xeral de Proxectos e Fondos Europeos da Consellería de Facenda, Ana María Cores González; e contou ademais coa presenza do director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.
Os Fondos FEDER achegaron financiamento a 10.658 proxectos innovadores entre 2007 e 2012
Compartir Este Artigo
