A web sobre contidos televisivos e infancia www.tvinfancia.es vén de experimentar cambios efectuados polo Ministerio de Industria co gallo de facer máis doado o acto de reclamar ao que teñen dereito os cidadáns no caso de incumprirse o Código de Autorregulación sobre Contidos Televisivos e Infancia subscrito por todas as canles do eido estatal e as autonómicas públicas. Cómpre dicir que para levar a cabo a posta a punto desta páxina participaron os operadores de televisión asinantes do Código de Autorregulación e as organizacións representativas da sociedade civil relacionadas coa infancia e a mocidade integradas na Comisión Mixta de Seguimento.
O código en cuestión establece unha serie de principios xerais para mellorar a eficacia (dentro da franxa horaria abranguida entre as seis e as vinte e dúas horas) da protección legal do menor respecto da programación televisiva que se emita nese horario. Porén, dentro do concepto de menores empregado pola lexislación, hai que diferenciar entre o público infantil e o xuvenil, para isto o código inclúe unhas determinadas franxas de protección reforzada para o público infantil, entendendo por tal aos menores de doce anos. Deste xeito, as televisións asinantes evitarán a emisión de contidos menos axeitados para eses menores nestas franxas, incrementando a sinalización daqueles para favorecer o control por parte dos pais.
Como novidade no espazo www.tvinfancia.es atópase un formulario de reclamacións, onde os consumidores poden informar de xeito sinxelo sobre os contidos que vulneren os dereitos do menor. A ferramenta tamén permite aos denunciantes achegar os seus datos persoais de contacto para poder realizar un seguimento da queixa. Asemade, o site aloxa os informes de avaliación que publica de maneira periódica a Comisión Mixta de Seguimento, sendo estes documentos unha recompilación de datos de todas as denuncias presentadas polos telespectadores. Indicar tamén que os cidadáns/ás que visiten www.tvinfancia.es terán á súa disposición un documento no que se informa dos criterios orientadores para a clasificación de programas televisivos.
Renovada a páxina sobre contidos televisivos e nenez, tvinfancia.es
Compartir Este Artigo
