
A Sede diríxese a membros da comunidade universitaria e á cidadanía que desexen “realizar as súas xestións coa USC a través de Internet coa mesma validez que de xeito presencial”. Funcionará, informa a institución compostelá, de conformidade cos principios de responsabilidade, integridade, accesibilidade, seguridade, veracidade, calidade e actualización de información e servizos. “Coa implantación da sede electrónica”, engaden fontes da Universidade compostelá “o que se pretende é facilitar o acceso aos seus servizos ao tempo que crear un espazo de relación coa cidadanía no marco dunha xestión administrativa coas garantías necesarias, diferenciando o concepto de portal de comunicación do de sede electrónica”. Polo tanto, a a partir de agora, estar na web sede.usc.es será exactamente o mesmo que estar nun emprazamento oficial da USC, nunha prolongación de seu ou, mellor dito aínda, na USC mesma, sen as limitacións de tempo e espazo que acompañan, de xeito inevitable, as nosas visitas ou comunicacións ao xeito tradicional (presencial). E coa vantaxe da interacción. Segundo explica a institución educativa, a web usc.es terá agora un claro compoñente institucional, de información xeral sobre a Universidade, mentres que a sede electrónica establecerá un marco de comunicación e interacción coa cidadanía en relación cos servizos electrónicos prestados pola Universidade.
A través da Sede Electrónica accederase á información dos procedementos, realización de trámites, presentación de documentos no rexistro electrónico, formulación de queixas e suxestións, consulta do taboleiro de anuncios da USC ou verificación de documentos electrónicos expedidos pola Universidade. “Para completar o conxunto”, engaden dende a Universidade, “o certificado da Sede garante o acceso aos seus contidos con seguridade”.
O catálogo de produtos inicial que ofrece a USC en formato de Administración Electrónica inclúe procedementos para persoal docente e investigador e de administración e servizos, estudantes e cidadanía en xeral que poderá acceder á solicitude de certificacións automatizadas no ámbito da Oficina de Investigación e Tecnoloxía e a procedementos no ámbito da Xestión Académica (admisión para realizar estudos, expedientes académicos, recoñecemento de estudos, cambios ou certificacións e acreditacións, entre outros).
A USC pon en funcionamento a súa Sede Electrónica
Compartir Este Artigo
