O Centro de Excelencia de Vigo segue a xerar boas novas para o noso tecido innovador e tecnolóxico. Se hai uns días falábase nel dos resultados positivos que está a xerar nas empresas galegas a filosofía de seren innovadoras a tempo completo, esta semana foi a quenda de amosar, polo miúdo, o papel que pode representar o noso sector TIC a nivel mundial. Segundo fixeron saber os participantes nun encontro celebrado no Centro, “Galicia sitúase hoxe en día como referente internacional no desenvolvemento de ferramentas tecnolóxico-dixitais de última xeración para a industria”. Esta mensaxe foi o eixe do evento Últimas tendencias TIC con aplicación industrial, cuxo obxectivo foi achegar á sociedade as novas actuacións que está a impulsar o noso sector.
A cita, organizada polo Centro, contou co apoio da Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e a Universidade de Vigo (UVIGO), e máis o co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
Durante o encontro, celebrado nas instalacións de CITEXVI, representantes de diferentes empresas galegas, do Centro Tecnolóxico AIMEN, do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e da Universidade de Vigo, compartiron cos asistentes as potencialidades dos nosos novos desenvolvementos e dos que están aínda por vir: chips para identificar produtos, aplicacións para rastrexar a seguridade informática, solucións industriais baseadas en visión artificial, sistemas intelixentes para o sector do automóbil ou dispositivos de radio definida por software foron algúns dos proxectos presentados durante a actividade, na que participaron preto de medio centenar de persoas. Os expertos reunidos, informa o Centro de Excelencia, coincidiron en salientar que o aproveitamento das novas tecnoloxías “é clave para o desenvolvemento empresarial e que unha xestión eficaz da información é básica para optimizar os produtos e os procesos”.
Na cita, entre outros profesionais, estivo presente o director de Tagtum, Manuel Montes, que foi o encargado de abrir a xornada dando a coñecer un innovador sistema que permite verificar a autenticidade dun produto, rexistrar a súa titularidade e, mesmo, facilitar a súa recuperación en caso de perda ou roubo. Desta tecnoloxía, da que temos falado ao detalle en Código Cero, consiste nunha aplicación que dota aos obxectos da capacidade de comunicación total co usuario, ofrecéndolle contidos multimedia personalizados e permitíndolle realizar xestións relacionadas co produto a través do seu teléfono móbil.
Pola súa parte, Manuel Álvarez, técnico do Centro Tecnolóxico AIMEN, compartiu cos asistentes as posibilidades que ofrece o uso da visión artificial para a optimización dos procesos (un dos traballos presentados foi o Proxecto Vieira, un sistema baseado en visión 3D para analizar as características das vieiras e clasificalas) Francisco Sánchez, director de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, avaliou a evolución dos vehículos nos últimos anos e insistiu en que a electrónica “é un vector fundamental para a innovación na industria do automóbil”. Durante a súa presentación, deu a coñecer os proxectos nos que traballa CTAG para promover a condución automatizada e favorecer as comunicacións operativas entre vehículos e infraestruturas. Pola súa parte, Andrés Tarascó de Tarlogic, afondou na necesidade de minimizar os riscos informáticos aos que están expostas as organizacións para evitar así o roubo de información e contribuír a unha xestión máis eficaz do TIC. Máis en detalle, amosou un produto de análise de seguridade de redes sen fíos que permite identificar as conexións destas características que existen ao noso ao redor e confirmar o nivel de seguridade de cada unha delas.
Por último, Felipe Gil e Luís Sabucedo presentaron os traballos realizados por diferentes equipos da Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo para promover o uso da radio definida por software en lugares onde os móbiles non teñen cobertura ou fomentar o desenvolvemento de páxinas semánticas que permitan que calquera usuario en Internet poida atopar respostas ás súas preguntas de forma rápida e sinxela grazas a unha información mellor definida.
Expertos convocados polo Centro de Excelencia de Vigo coinciden en salientar o gran potencial das nosas ferramentas TIC
Compartir Este Artigo
