Comezou finalmente, coa súa primeira xeira, o ciclo de debates Galicia en clave económica que organizana Deputación de Lugo e Economía Dixital, e fíxoo cun encontro de expertos no eido económico galego que avaliaron as claves para un modelo produtivo de futuro, sustentable, para a nosa terra (claves nas que se sitúa, sen dúbida, unha aposta firme polas tecnoloxías da información e o coñecemento). Segundo informa o organismo provincial, máis de 160 persoas encheron o salón de actos de San Marcos para presenciar o foro, que inaugurou o presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e no que participaron como relatores Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e ex Presidente da Xunta; Emilio Pérez Nieto, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, e Marcelino Fernández Mallo, socio director da consultora empresarial galega Sphenia.
Todos coincidiron en combater o despoboamento, fomentar o medre económico para crear emprego, especializar as empresas, xerar máis posibilidades para recapitalizalas e pór valor da economía baseada no medio ambiente e os recursos propios
O relatorio máis relacionado coa temática de Código Cero, as novas tecnoloxías da información, foi sen dúbida a de Marcelino Fernández Mallo, que atesoura unha longa experiencia no sector TIC, non só pola súa traxectoria en Caixa Galicia (onde foi director de Banca Virtual), senón pola súa actual andaina en Sphenia, que como lembraremos, centra unha boa parte da súa actividade na consultoría tecnolóxico-dixital. Fernández Mallo reivindicou na súa intervención a posta en valor da economía baseada no medio ambiente, os recursos propios e o coñecemento. Avogou, polo tanto, “pola calidade e cantidade dos nosos produtos de terra, mar e aire, ademais da nosa cultura e lingua, da que se fala pouco”, laiándose neste senso de que no país “castiguemos o valor da terra”. Fernández Mallo advertiu así mesmo de que o PIB de Galicia está un 49% por debaixo do de Euskadi, polo que “quizais é o momento de trocar de modelo económico”.
A seguinte cita do ciclo de debates Galicia en clave económica, que conta coa colaboración do Grupo El Progreso, terá lugar en setembro e abordará o papel dos sectores público e privado ante a crise; mentres que os tres restantes afondarán nas posibles saídas do paro e os acubillos de emprego; as fortalezas e debilidades do sector primario, e o novo mapa bancario e o acceso ó crédito. O obxectivo desta iniciativa “é facer unha análise rigorosa e fonda da situación socioeconómica na que se atopa arestora Galicia e, dando un paso máis, poñer enriba da mesa alternativas e solucións”.
Especialistas en economía coinciden en Lugo en impulsar novos modelos produtivos para a nosa terra
Compartir Este Artigo
