Finalmente xa está operativa a bitácora Xente Dixital, un espazo sobre as vantaxes que a tecnoloxía ofrece á vida cotiá, dirixido a todo o mundo e aberto á colaboración e as achegas dos internautas. Xente Dixital, unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para difundir e compartir coñecementos e consellos prácticos sobre tecnoloxía, está dispoñible en blogs.xunta.es/xentedixital. Esta nova canle de comunicación estrutúrase arredor de seis seccións fixas: Actualidade, Cursos, Guías Prácticas, Sabías que…?, Casos de éxito e XD a fondo. Cada semana abordarase un tema “en profundidade, desde distintas perspectivas e sempre dun xeito ameno e accesible a todo tipo de públicos”, informa AMTEGA. Haberá, tamén, achegas de vídeos, fotos e experiencias en primeira persoa para acompañar estas informacións da sección de Actualidade.
Desde o espazo Cursos, ofrecerase toda a información sobre a actividade formativa da Rede de Aulas CeMIT, pero tamén doutras actividades sobre formación dixital de interese. Desde Guías prácticas forneceranse manuais de uso sobre aplicacións TIC e a sección ¿Sabías Que…? achegará pílulas informativas sobre cuestións curiosas do eido tecnolóxico. Guías prácticas, pola súa parte, dará acubillo a pequenos titoriais, consellos e experiencias prácticas para que a navegación pola Rede sexa aínda mellor. “Esta sección”, informa AMTEGA, “nace con vocación colaborativa, de maneira que sexan os propios usuarios os que ensinen aos internautas como e de que maneira empregan a Rede para sacar o mellor proveito dela”.
A través de XD a fondo analízanse polo miúdo diversos temas de actualidade “que permitirán achegar conceptos, actuacións e mesmo explicacións sobre tecnoloxía nunha linguaxe que todo o mundo poida entender, afastada de tecnicismos”. Pola súa parte, a sección Casos de éxito está destinada a persoas ou empresas non TIC que estean a salientar ou mellorar grazas a incorporación da tecnoloxía. “Xente Dixital”, explican fontes da Axencia, “é dende hoxe unha fiestra aberta aos internautas e, por iso, nace con vocación de foro no que debater sobre tecnoloxía e nutrirse das suxestións e experiencias de todas e todos os que se asomen a ela”.
A través da súa presenza nas redes sociais, XD convida a participar e compartir coñecementos, así como a recibir todo tipo de comentarios e propostas, para o que se habilitou unha caixa de correo na que todas as achegas dos cidadáns na Rede son benvidas.
AMTEGA lanza o blog colaborativo Xente Dixital
Compartir Este Artigo
