A comunidade-web de viaxes TripAdvisor resolveu estes días os galardóns do seu certame Traveller´s Choice Atraccións, convocado por vez primeira co obxectivo de elixir, amosar e salientar os sitios de meirande pegada para viaxeiros. Na súa convocatoria de estrea, os premios recoñeceron os valores de ata 1.263 sitios de interese turístico, parques, museos, parques de atraccións e complexos acuáticos do mundo. Estas distincións están baseadas nas recomendacións e comentarios dos usuarios da comunidade. Os gañadores atópanse en 39 países de todo o mundo, incluíndo listados para África, Asia, Australia, o Caribe, América Central, China, Europa, India, México, Oriente Medio, América do Sur, o Pacífico Sur e a EE.UU. Galicia foi premiada na categoría de Sitios de interese turístico, coa catedral de Santiago de Compostela en 8ª posición de Europa e 4ª da categoría estatal.
Na mesma categoría tamén resultaron galardoadas a Catedral-Mesquita de Córdoba, elixidas polos viaxeiros como primeiras da categoría europea e sextas do mundo. O Alcázar de Sevilla, a Alhambra de Granada e a Sagrada Familia de Barcelona tamén foron recoñecidas a nivel europeo, situándose en 6ª, 7ª e 12ª posición, respectivamente.
Na categoría de parques, o Parque Güell de Barcelona foi premiado como o mellor parque europeo e o 7º a nivel mundial. Tamén o parque do Retiro de Madrid foi distinguido coa 3ª posición a nivel europeo e a 11ª do mundo. Outros parques españois premiados foron o Parc de Montjuic de Barcelona, o Parque de María Luisa de Sevilla e o Parque da Paloma de Benalmádena (Málaga), situándose nos postos 16º, 17º e 20º, respectivamente. En canto aos parques de atraccións, Siam Park de Adeje en Tenerife foi premiado en 2º lugar a nivel europeo e 10º do mundo.
A Catedral de Santiago, premiada pola comunidade de TripAdvisor
Compartir Este Artigo
