O orzamento para subvencionar este ano a adquisición de equipamentos para a recepción da TDT a través do satélite (Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia) será de máis de medio millón de euros. A medida, que afectará sobre todo ao interior das provincias de Lugo de Ourense, está previsto que beneficie, no presente exercicio, a máis de 1.00 familias. As axudas serán tramitadas directamente a través dos instaladores autorizados que colaboran coa Xunta de Galicia. O prazo para que os beneficiarios presenten as solicitudes (a través dos instaladores autorizados) xa comezou (e rematará o 30 de setembro). A dita contía vén da man da Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Administración Xeral do Estado.
Segundo explica o Goberno galego, o servizo de TDT por satélite (Sat-TDT) permite gozar de xeito gratuíto das canles da Televisión Dixital Terrestre nas vivendas onde non chega este sinal ou o sinal non ten a calidade axeitada para a correcta recepción. Serán subvencionables as novas instalacións do servizo de TDT a través de satélite, podéndose solicitar como máximo un equipamento por usuario e vivenda. Ademais, co fin de non discriminar ás familias que xa teñan instalado pola súa conta un equipo para a recepción deste servizo, estas poderán solicitar subvención para un segundo receptor na súa vivenda. A Xunta informa a maiores de que prevé prorrogar este plan ata o ano 2015, “o que suporá un investimento total de máis de 800.000 euros e beneficiará arredor de 3.000 familias de 78 concellos do interior de Lugo e de Ourense”, engade.
En concreto, son 78 concellos do interior das provincias de Lugo e de Ourense os beneficiarios:
*Lugo Central: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A) Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.
*Montaña Lucense: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto.
*Depresións Ourensás e Terras do Sil: Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.
Este programa de axudas é posible grazas ao convenio asinado entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das actuacións incluídas nos Plans de Zona das súas áreas rurais que, por parte da Xunta de Galicia, coordina AGADER.
Nunha primeira fase seleccionáronse as entidades colaboradoras entre as empresas de telecomunicacións autorizadas para realizar este tipo de instalacións, entidades que van ser as encargadas de tramitar as subvencións en nome dos posibles beneficiarios co fin de que resulte o máis sinxelo posible para o cidadán. Agora, unha vez seleccionadas estas empresas, procedeuse á convocatoria das subvencións que se adxudicarán por orde de solicitude ata esgotar o crédito correspondente a cada anualidade.
Para ser beneficiario o interesado deberá presentar a súa solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que foron seleccionadas para este réxime de axudas. A relación de entidades colaboradoras pode atoparse no enderezo da internet http://medios.xunta.es na súa epígrafe axudas. Tamén pode consultarse telefonicamente no número 981544234, a través do enderezo electrónico xestion.sxm@xunta.es ou presencialmente nas dependencias da Secretaría Xeral de Medios-Edificio Administrativo San Caetano-Santiago de Compostela.
Xa pode solicitar as axudas para equipos de TDT vía satélite máis de un milleiro de familias
Compartir Este Artigo
