Desde o Centro de Investigación en Tecnoloxía da Información e as Comunicacións (CITIC) estase a traballar activamente na aplicación da tecnoloxía matemática nos sectores produtivos nunha dobre vertente: por unha banda, aproveitar os grandes beneficios que achega o coñecer e modelar matematicamente os comportamentos de procesos e produtos; e por outra, a resolución numérica de problemas reais en sectores industriais tan diferentes como o financeiro, os seguros, a automoción, o naval ou os relacionados co medio ambiente.
No CITIC considérase que a tecnoloxía matemática constitúe un importante aliado para as empresas pola súa capacidade de xerar valor engadido, con independencia do sector no que se atopen. Neste sentido, dentro do Área Tecnolóxica de Matemática Aplicada e Estatística e Investigación Operativa do CITIC, a liña de especialización de Matemática Aplicada está desenvolvendo actividades de investigación e transferencia no ámbito dos modelos matemáticos e numéricos, que permiten a resolución de problemas reais no mundo empresarial. Por exemplo, para coñecer como será o comportamento acústico dun edificio ou un medio de transporte, suscítanse os modelos matemáticos e simúlanse numericamente, podendo modificar parámetros, materiais, xeometrías, etc, e comprobando como afectan ao confort acústico. Así, as investigacións do CITIC no eido da simulación numérica proporcionan o beneficio de evitar a necesidade de acudir ao sistema de ensaio e erro na innovación de procesos e produtos. Con esta metodoloxía estúdase, investígase, desenvólvese un software e acádase a solución ao problema, sen necesidade de construír o prototipo ou ensaiar o proceso para ver si funciona, o que achega un aforro de custos moi importante.
Segundo Carlos Vázquez Cendón, un dos responsables do Área Tecnolóxica do CITIC de Matemática Aplicada e Estatística e Investigación Operativa, e Investigador Principal do Grupo de Investigación M2NICA, “as investigacións que levamos a cabo na nosa área de actividade teñen aplicacións en diferentes sectores, como o financeiro, a automoción, o naval ou os relacionados co medio ambiente, xa que nos permiten simular determinados comportamentos de procesos e produtos. Aportamos valor engadido ás empresas que contratan os nosos servizos, colaborando nos aspectos dos seus proxectos que requiren ferramentas matemáticas e métodos numéricos”.
Transferencia da tecnoloxía matemática: finanzas, seguros, acústica, medio…
O carácter transversal da tecnoloxía matemática e a simulación numérica permite que os eidos nos que se desenvolven investigacións e a súa transferencia sexan moi variados. Así, entre as aplicacións que se están a dar desde o CITIC atópanse a resolución de modelos complexos de cálculos financeiros, moitas veces relacionados coa valoración e análise do risco de determinados produtos. Ademais, realizáronse contratos de transferencia sobre modelos ALM de xestión de activos e pasivos para compañías de seguros, con desenvolvemento de software en tarxetas gráficas (GPUs). No ámbito da enxeñaría, desenvolveuse software de modelos acústicos para a automoción ou a construción ou de procesos de lubricación en dispositivos mecánicos. Pero tamén se está a dar forma a software con aplicacións ambientais: mediante as investigacións do CITIC compréndense fenómenos naturais como o comportamento que terán os ríos, correntes de auga ou capacidade dos encoros, con aplicacións en hidráulica computacional, ou a evolución das grandes masas de xeo.
Investigacións ad hoc para alcanzar soluciones
Polas súas características, as investigacións que se desenvolven nesta área do CITIC adoitan realizarse baixo demanda e personalizadas: as empresas encontran no CITIC a resolución a determinados problemas mediante a tecnoloxía matemática a través das súas investigacións ad hoc. O estudo destes problemas abrangue desde a comprensión dos procesos e produtos, pasando pola análise matemática dos mesmos e o deseño dos métodos numéricos máis eficientes para a súa resolución, ata a implantación dos algoritmos en ordenador para a simulación dos procesos, desenvolvendo aplicacións informáticas a medida. Nesta capacidade de obter información fundamental a través das matemáticas é onde reside o potencial do CITIC para resolver problemas.
Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC (CN2012/211). Cofinanciado por:
