Telefónica, Vodafone e Orange acaban de asinar un acordo que permite o uso compartido das infraestruturas verticais de fibra óptica en edificios. No acordo alcanzado detállase que tipo de edificios serán obxecto de compartición da infraestrutura de verticais, así como os procedementos técnicos que o farán posible. Os operadores especificarán progresivamente en que cidades, zonas e edificios queren instalar a súa fibra, e o operador xestor do edificio, pola súa banda, preparará un plan de entrega desas infraestruturas. O acordo contempla tamén a posibilidade de ceder as acometidas existentes ou de que cada compañía constrúa as súas propias.
O acordo está baseado nun principio de reciprocidade, de maneira que o tres operadores poderán facer uso dos despregamentos de verticais dos seus competidores alí onde os necesiten. A partir da firma, a infraestrutura xa despregada por Telefónica poderá ser progresivamente empregada por Vodafone e Orange. Reciprocamente, cando estes dous operadores despreguen infraestruturas novas fóra da cobertura de Telefónica, esta última poderá solicitar tamén o uso compartido dos verticais dos seus competidores.
A compartición da infraestrutura vertical en edificios farase mediante un só pago por cada vertical, que lle outorgará ao operador dereitos de uso durante un período non inferior a 20 anos. Os prezos que rexerán para ese uso marcaraos, mediante resolución, a Comisión do Mercado das Telecomunicacións.
A sinatura deste acordo supón un importante avance para achegar esta tecnoloxía a cada vez máis fogares e empresas en toda España.
Telefónica, Vodafone e Orange compartirán infraestruturas de fibra óptica en edificios
Compartir Este Artigo
