A Facultade de Informática da Coruña (FIC) vai organizar, para o vindeiro curso (2013/2014), a segunda entrega do seu Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática (MUEI), unha achega formativa que, entre outras cousas, permítenos ampliar, actualizar e afianzar os coñecementos precisos para o noso desenvolvemento profesional no eido das novas tecnoloxías da información. O mestrado, cuxo prazo de inscrición está aberto e remata o vindeiro 8 de xullo ás 14.00 horas, ten apartado web e máis wiki de seu, co fin de fornecer de toda a información que se requira sobre o mesmo.
En palabras do novo decano da FIC, Luis Hervella, a actividade encamíñase a asegurar ao máximo as competencias para a profesión de enxeñeiro informático, amais de formación avanzada, multidisciplinar e orientada á especialización profesional. Entre outras cuestións concretas do curso (cuxo prazo para matriculármonos está aberto entre o 20 e o 24 de xullo), este inclúe no seu programa formación sobre planificación de sistemas de información, dirección de proxectos, informática como servizo, deseño e aplicación de gráficos, multimedia e sistemas de información, arquitecturas e plataformas móbiles ou conceptos avanzados en intelixencia de negocio (business intelligence).
A FIC presenta unha nova edición do seu mestrado en Enxeñaría Informática
Compartir Este Artigo
