China, queirámolo ou non e con tódalas críticas que poidamos facer do seu sistema produtivo (en boa medida expoñente do capitalismo feroz), é unha oportunidade de negocio. Tanto para colaborar coas súas múltiples empresas e institucións, como para recibir provisións tecnolóxicas como, tamén, para facer mercado. Para poñernos as cousas doadas nas nosas comunicacións co xigante asiático, vén de presentarse en España a plataforma Venderachinos.es, un portal en liña de anuncios bilingüe orientado á compravenda cos chineses.
O servizo é un proxecto de orixe italiana (país no que conta con arredor de 10.000 usuarios rexistrados) que ten o obxectivo de superar os atrancos lingüísticos e culturais que dificultan as relacións comerciais con Occidente. Entre outras cousas, achega un recurso de tradución profesional de anuncios clasificados ao mandarín, facilitando a súa difusión. Máis polo miúdo, adáptase á dita lingua cada inserción e publícase en canles de comunicación chinesas editadas en España, Europa e no propio país asiático. A introdución dun anuncio no dito servizo (por 37,50 euros) inclúe tradución profesional e publicación multicanle por un período de 60 días. O anuncio final replícase no portal equivalente en mandarín, maimaiouzhou.com, que significa compravenda en Europa.
Dispoñible un portal de anuncios bilingüe dirixido á compravenda entre españois e chineses
Compartir Este Artigo
