Os días pasados, a Document Foundation (entidade internacional sen arela de lucro que dedica os seus esforzos ao desenvolvemento colectivo de software libre) anunciou a dispoñibilidade da versión 4.0.4 da suite ofimática LibreOffice para sistemas operativos Windows, OS X e máis Linux. Trátase, conta a asociación galega Trasno (que asume entre outros moitos labores a súa tradución ao galego), da cuarta versión menor da familia 4.0 e a anterior xusto antes dunha grandes estreas da tempada: a versión LibreOffice 4.1, prevista para finais deste mes de xullo. Por certo que para afinar un produto o mellor acabado posible, a Document Foundation ofrece premios a todos os que colaboren na descrición de erros que poidan estar presentes nas versións en desenvolvementos.
E falamos de “descrición”, non de localización, porque os erros xa están atopados. Só fica pendente explicalos para que poidan ser reproducibles e apreixados polos desenvolvedores. Segundo engadiu Trasno, LibreOffice 4.0.4 acada unha chea de optimizacións no eido da interoperabilidade con formatos de documentos privativos. Este tipo de melloras, explícase, engrosan os detonantes que están a provocar unha migración masiva cara LibreOffice dende suites ofimáticas privativas, como por exemplo a de Microsoft, migración na que participan xa gobernos de toda Europa e América do Sur. A nova versión amosa en conxunto un miolo mellor acabo cás anteriores, grazas ao labor dos voluntarios que aseguran a calidade final, QA.
Presentada a derradeira versión da familia LibreOffice 4.0
Compartir Este Artigo
