Que unha cativa/o coma pode converterse nunha tarefa imposible. Cando todos os recursos e trucos que decote funcionan van perdendo eficacia e o maxín dos pais tamén, é o intre no que entra en xogo a desesperación e os consellos ou ideas alleas. Para botar unha man nestes casos, Nutribén -marca de alimentación infantil- vén de lanzar unha aplicación gratuíta para tablets (dispoñible en Google Play e axiña en App Store) que busca a través do entretemento que os nenos aprendan a comer sós. Trátase dunha serie de mundos imaxinarios cheos de elementos cos que o neno/a pode interactuar mentres se ve a si mesmo na pantalla. Os pais poden accionar un comando para que a historia se deteña e os personaxes se poñan tristeiros se o meniño non come.
O nome deste invento é Fun Food, unha idea que premia con cores, sons e formas aos nenos que comen ben.
Unha vez rematado o xantar, aqueles que comeran todo recibirán como premio a posibilidade de facerse unha foto cun marco de fantasía ou xogar cos personaxes protagonistas.
Fun Food fíxose co único premio da categoría interactiva Aplicacións do Festival de Comunicación infantil O Chupete 2013.
Para facerse unha idea de que como vai a aplicación en cuestión, pode verse un vídeo do seu uso.
Fun Food, ou como entreter aos máis pequenos á hora do xantar
Compartir Este Artigo
