O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, segue adiante co seu labor incansable de recoñecer o traballo ben feito en materia de impulso da profesión e, por extensión, da nosa terra na Sociedade do Información e do Coñecemento. Nesta liña insírese a decisión tomada pola xunta de goberno do Colexio que, por unanimidade, acordou conceder o Premio Traxectoria Profesional a Roberto Baratta, CISO e responsable de Seguridade Tecnolóxica de Novagalicia Banco. A entrega do galardón terá lugar durante a celebración da quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática, prevista para o vindeiro 4 de outubro.
A concesión do premio a Roberto Baratta (Ourense, 1970) representa, en palabras do Colexio, a aposta do CPEIG por que “sexan as enxeñeiras e enxeñeiros en informática os responsables da seguridade tecnolóxica nas distintas Administracións, empresas e outras entidades”.
Roberto Baratta, con 14 anos de experiencia en diferentes responsabilidades na administración de sistemas e seguridade TI, actualmente forma parte de Novagalicia Banco como CISO e responsable de Seguridade Tecnolóxica da entidade financeira. Ao longo da súa traxectoria, desempeñou varios postos: xefe de Xestión Interna e Identidades, director de Operación Seguridade Informática, IT Security Officier e administrador de sistemas, entre outros. Enxeñeiro en Informática de formación, é máster en E-Business, foi profesor convidado da Universidade de Vigo na súa Escola Superior de Informática e docente da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en áreas de Seguridade da Información e Tecnoloxía, entre outras actividades.
Asemade, o galardoado conta coas certificacións CRISC – Certified in Risk and Information Systems Control, CISSP – Information Security, CDPP – Certified Data Privacy Professional e é membro de ISMS Forum, CSA Spanish Chapter e ISACA, entre outros, así como relator habitual en materias relacionadas coa Seguridade da Información e a tecnoloxía.
O CPEIG recoñece cun galardón a traxectoria do ourensán Roberto Baratta
Compartir Este Artigo
