Santiago de Compostela adheriuse finalmente á implantación das novas ferramentas TIC do plan urbanístico sistematizado de entidades locais. Esta adhesión está a permitir, entre outras cousas, que o concello achegue este tipo de información urbanística a través da web de seu, santiagodecompostela.org. O novo servizo foi presentado esta semana no Pazo de Raxoi, nun acto no que participaron representantes do Goberno local e máis de Red.es, por exemplo o director de Programas da entidade público-empresarial, Francisco Javier García. A medida inclúese, precisamente, no programa Urbanismo en Rede, impulsada por Red.es e posta en marcha polo Goberno central en 2007 cunha serie de proxectos piloto con diferentes entidades locais, entre as que figuraba Santiago.
“Grazas ao programa Urbanismo en Rede”, informouse na presentación, “a veciñanza de Compostela, e os usuarios en xeral, poderán consultar a formulación urbanística de forma inmediata e personalizada, o que supón un paso máis no impulso á administración sen papeis”.
Os traballos que o fixeron posible, engadiuse, consistiron na vectorización e sistematización do plan urbanístico, posto a disposición por parte do Concello de Santiago de Compostela, a posta en marcha do equipamento e as aplicacións informáticas que dan soporte á explotación e visualización da información; así como o mantemento posterior do sistema. Con este novo desenvolvemento, explicouse, os veciños poderán acceder aos datos do plan que precisen -polo de agora de carácter informativo- a través de dous vieiros: ben facendo clic directamente sobre o mapa da zona que lles interese ou ben introducindo referencias concretas ao plan que queiran consultar, como por exemplo o enderezo, a referencia catastral ou o nome da área a consultar.
Santiago achega xa información urbanística sistematizada a través da web de seu
Compartir Este Artigo
