
O encargado de abrir o encontro foi Marcus Fernández, webmaster de Código Cero, que contou a experiencia de 12 anos de divulgación tecnolóxica a través de codigocero.com e a súa edición impresa, como unha inspiración para os socios da Asociación, ao demostrar que é posible comunicar sobre as TIC en galego e podendo incluso converter tal acción nunha actividade empresarial, existindo unha sólida demanda tanto do público (que quere consumir contidos na nosa lingua) como dos actores do sector (que queren ver as súas iniciativas difundidas ao público xeral e ao resto de profesionais do sector en particular).

Moi enriquecedor foi un completo relatorio de Francisco Doménech, o conservador de Contidos Dixitais e responsable do e-Museo dos Museos Científicos Coruñeses, quen quixo animar ao resto de divulgadores a empregar numerosas ferramentas da Web 2.0 para compartir os seus contidos na Rede baixo 2 distintas perspectivas: introducir o material na web propia mediante incrustación (sen precisar dun grande desenvolvemento económico) e levar os contidos a espazos onde hai moitos usuarios, deixando faragullas de pan para atraelos.

Pechou o encontro Manuel Gago, profesor da USC e director de culturagalega.org, quen adaptou a entrada do seu blog titulada Sete propostas de acción para a cultura en 2013 para a cultura científica, con referencias a algúns dos proxectos nos que está involucrado, como Patrimonio Galego, e con numerosos consellos para os divulgadores de ciencia galegos.
Os divulgadores galegos de ciencia e tecnoloxía tiran proveito da web
Compartir Este Artigo
