A segunda convocatoria do FEDER-Innterconecta, os fondos de contribución europea para o pulo da innovación empresarial, mobilizará este ano na nosa terra arredor de 153 millóns de euros a través dun total de 79 proxectos que veñen de ser aprobados. Nestas iniciativas finalmente seleccionadas, que suman apoios por valor de 74,3 millóns de euros, participan 281 grupos de investigación e 292 empresas, o 70% delas PEME, cifra que segundo indican a Axencia Galega de Innovación e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (promotores desta segunda convocatoria), supón “triplicar as acadadas na primeira convocatoria nunha clara mostra do interese das empresas galegas por optar a este tipo de fondos tecnolóxicos”.
De feito, engaden, os proxectos escolmados contan cun elevado compoñente tecnolóxico así como cun importante potencial de internacionalización, e promoven a colaboración público-privada entre as administracións, os sectores produtivos e os axentes de innovación en beneficio da mellora competitiva do tecido empresarial. Entre os principais eidos atendidos salientan este ano sectores como a automoción, o naval, o agroalimentario ou as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
A segunda convocatoria do Feder-Innterconecta conta cunha contribución da Xunta, que achega o 20% das axudas. Isto, informa o Goberno galego, “permitiu rebaixar de 5 millóns a 1,5 millóns o límite mínimo dos proxectos, dos que tiñan que formar parte cando menos tres empresas de distinto tamaño e contar coa participación, nun mínimo do 15%, de organismos de investigación”. Finalmente, engade, o orzamento medio por proxecto situouse en preto dos 2 millóns de euros, cun número medio de 3,7 empresas por iniciativa.
Lembrar que na primeira edición aprobáronse 26 proxectos que implicaron a un total de 106 empresas, mobilizando 61,5 millóns de euros. Entre as dúas convocatorias, o programa Feder-Inntercoecta leva mobilizados en Galicia preto de 215 millóns de euros a través de máis dun cento de proxectos.
FEDER-Innterconecta II achega 153 millóns para case 79 proxectos de innovación galegos
Compartir Este Artigo
