Por se xa fose pouco coas tentativas do Goberno de Estados Unidos de controlar ao máximo todo o que se comparte ou descarga na Rede coa súa lei SOPA, agora temos a Rusia declarándolle a guerra a unha boa parte dos internautas cunha iniciativa lexislativa semellante. De feito, xa lle chaman a “SOPA rusa”. Segundo se conta, non é máis que unha nova tentativa de controlar o intercambio de ficheiros (e de paso censurar a Wikipedia), unha de tantas tentativas, só que a diferenza está no volume e apoios legais que está a acadar. A lei antipiratería entrará en vigor o vindeiro 1 de agosto, obrigando aos sitios a pechar o acceso a material con dereitos de autor cando así o soliciten os propietarios deste material. O proceso levarase a cabo sen orde xudicial algunha e de non facilitarse o traballo por parte dos webmasters, estes poderán ser sancionados ou bloqueados.
Con todo, os deputados rusos que aprobaron o regulamento teñen en contra a unha boa parte do sector de Internet do país, amais da cidadanía e as asociacións de dereitos civís. Dende a Wikimedia Rusia advirten sobre os riscos que a devandita lei guinda sobre a Rede mesma e, particularmente, sobre o propio proxecto Wikipedia. A xuízo dos wikipedistas do país, centos de artigos de Wikipedia están ligados polos seus autores a sitios con recursos con material susceptible de non ter os dereitos de autor que serían esixibles. Consecuencia: os contribuíntes da enciclopedia en liña non serían quen de desbotar as ligazóns e isto desencadearía o peche parcial da iniciativa. Esta ameaza á Wikipedia rusa non é nova. O ano pasado, de feito, varios sitios da enciclopedia foron inhabilitados en base á lei 139-FZ, que lle permite ao goberno do país engadir webs a unha listaxe negra de bloqueo (onde se xuntan, tamén, sitios con contidos de pornografía infantil ou posturas ideolóxicas de potencial terrorista).
A SOPA rusa ameaza as liberdades dos internautas no país
Compartir Este Artigo
