A firma santiaguesa Plexus, especializada no desenvolvemento de programas e equipamento tecnolóxico, informa que esta semana deu comezo aos seus traballos no hospital Queen Alexandra de Portsmouth, Reino Unido, para afianzar e integrar no dito complexo a súa ferramenta para a xestión de quendas de pacientes (Quenda Medic). O aplicación tecnolóxica no Queen Alexandra, informa Plexus, forma parte de dous procesos: por unha banda un proceso de internacionalización propio que comezou o ano pasado e, pola outra, un labor de implantación tecnolóxica concreta no National Health Service (NHS) de Reino Unido, do que forma parte o devandito complexo hospitalario. Cómpre lembrar que a firma galega foi a gañadora deste proxecto, a través dunha licitación pública de homologación do NHS.
Como dixemos, os traballos comezaron o luns 15 de xullo, nun andar do hospital de Portsmouth. A previsión dos responsables da firma galega é afrontar un despregamento progresivo do sistema ata abranguer todo o hospital no mes de setembro. O sistema ideado por Plexus, informa a firma santiaguesa, apoia e mesmo substitúe ao persoal dos servizos de obtención de cita, recepción, asignación de quendas de atención e acceso dos usuarios aos servizos sanitarios que necesiten. A plataforma permite, ademais, a integración con sistemas propios do complexo hospitalario. “Quenda Medic”, engádese, “supón unha mellora na capacidade de traballo do persoal sanitario, posto que permite focalizar os seus esforzos na atención ao usuario final e obviar trámites administrativos, á vez que reduce o tempo de espera nas salas”. Asemade, as pantallas da plataforma difunden contidos dixitais que, ademais de facilitar a circulación de pacientes de consultas externas, “promoven hábitos de vida saudable, ou calquera tipo de información sobre saúde”. 
Lembrar que o sistema xa foi implantado por Plexus noutros centros, entre os que se atopan o Hospital 12 de Outubro en Madrid, o Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo da Coruña, o Hospital Universitario Lucus Augusti en Lugo, o Hospital Clinic de Barcelona e Porta de Hierro, en Madrid.
Os traballos despregados en Reino Unido forman parte dun proceso imparable de internacionalización, proceso que recibiu un pulo decisivo en febreiro deste ano coa apertura en Londres dunha oficina de seu, ao que cómpre engadir as dependencias inauguradas previamente en México capital. A nova oficina londiniense centra as súas operacións nos ámbitos tecnolóxicos educativo e sanitario, dous dos sectores nos que Plexus especializou as súas vendas ao longo dos anos.
Recordar que a compañía Plexus ten tras de si unha longa experiencia no eido das novas tecnoloxías galegas e, tamén, na busca de novos mercados para as mesmas. De feito, dende o seus comezos foi quen de crear 300 postos de traballo directos en Galicia e noutras Comunidades autónomas, nas que xa conta con seis delegacións. Respecto ao volume de negocio desta empresa tecnolóxica, en 2012 cifrouse en 16 millóns de euros.
A galega Plexus achega solucións propias de xestión ao hospital Queen Alexandra de Portsmouth
Compartir Este Artigo
