Hoxe luns 22 de xullo é o derradeiro día para inscribírmonos na primeira edición da Xornada de Análise de Vídeo Avanzado, que se celebran este mércores 24 nas instalacións de CITEXVI, en Vigo, da man do Clúster TIC Galicia e o centro de investigación Gradiant, cuxos investigadores farán demostracións in situ das capacidades e aplicacións potenciais deste tipo de tecnoloxías en escenarios reais e para diferentes sectores empresariais e industriais. Por exemplo: poder contar de xeito automático ás persoas que asisten a un acto, detectar roubos de obxectos valiosos, desenvolver e dar forma a novas aplicacións de índole médica e sanitaria, permitir a mellor xestión das cidades intelixentes, etc. A xornada, que é aberta a todos os interesados nas ditas tecnoloxías (mediante inscrición a través do Clúster TIC), servirá para avaliar, tamén, as oportunidades de negocio e a rendibilidade empresarial do uso destas novas tecnoloxías nas empresas e industrias.
Segundo informan dende Gradiant, os investigadores deste centro traballan a día de hoxe en desenvolver aplicacións prácticas para os milleiros de posibilidades que ofrece a análise de sinais de vídeo. Ao longo da xornada (que se celebra en horario de mañá), os ditos profesionais revisarán o estado actual das devanditas tecnoloxías, facendo fincapé na súa aplicabilidade en casos reais, o que constituirá “unha mostra práctica dese complexo labor de investigación, e sobre todo como se poden aplicar esas novas técnicas ao día a día dos cidadáns”, engaden fontes do centro de I+D.
Os relatorios
O primeiro relatorio da xornada, a cargo de Raquel Dosil, versará sobre sistemas de video analytics (interpretación de escenas) aplicadas á seguridade e as cidades intelixentes. No segundo relatorio trataranse os conceptos de recoñecemento biométrico e análise facial e a súa aplicación práctica en diversos eidos, con exposición de casos reais como o seu uso no control de acceso mediante recoñecemento dos trazos de cada quen, clasificación demográfica para carteis dixitais, e tracking facial e análise de expresións para HCI, lecer e saúde, entre outras. Este relatorio virá da man de Esteban Vázquez Fernández e Pablo Dago Casas.
O terceiro da xornada estará dedicado ás aplicacións da análise de vídeo capturada con sensores 3D de electrónica de consumo (como Kinect de Microsoft ou Xtion de Asus). Ademais, presentaranse os resultados iniciais de dous proxectos de Gradiant nos que se utilizan os devanditos sensores e análise de imaxe 3D: unha plataforma de adestramento físico e rehabilitación para o fogar mediante recoñecemento de acenos e un sistema automático de reconto de persoas para medida de aforamentos e a súa utilidade en retailing. Os relatores serán Daniel Pereira Fernández e Helena Fernández López. A sesión de remate virá da man de Antía Fernández López e nela introducirase o concepto de realidade aumentada (RA) e a súa utilidade en múltiples sectores (industrial, enxeñaría, fabricación, saúde, educación, entretemento, turismo, alimentación, construción, moda, etc.).
Últimas horas para inscribírmonos na xornada de vídeo avanzado que organizan o Clúster TIC e Gradiant
Compartir Este Artigo
