O pacto asinado para o desenvolvemento dixital da nosa terra entre o Goberno galego e o sector TIC xerou unha vaga de declaracións por parte dos implicados e implicadas na formalización e impulso do protocolo. Como lembraremos, entre os asinantes atópanse os responsables de empresas galegas como Altia, Coremain, R ou Televés, ás que cómpre engadir compañías estatais e internacionais de primeira liña, como HP ou Tecnocom, dúas firmas -por outra banda- de gran presenza na nosa terra, con sedes de seu nas nosas principais cidades e dando acubillo a un bo número de profesionais galegos. O pacto, dirixido a apuntalar un sector TIC competitivo e xerador de emprego cualificado que sexa quen de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento, foi saudado dende tódalas frontes implicadas como unha boa nova, de converterse en realidade palpable e acadar verdadeiro desenvolvemento: unha boa nova con visos de afianzar a nosa economía en alicerces rendibles, sustentables, innovadores e competitivos.
Nesta liña amosouse por exemplo Helena Herrero, presidenta de HP España, que cualificou o pacto de “moi positivo por dous motivos fundamentais: en primeiro lugar porque se dirixe a consolidar ao sector como esencial para a creación de emprego e competitividade e en segundo lugar porque dá resposta á necesidade de transformar a Administración así como o tecido produtivo e empresarial para ser máis eficientes”.
Para Santiago Roura, director xeral de Indra, o acordo vén moi a conto e máis se pensamos na situación actual da economía, que fai preciso que España e Galicia avancen cara a un novo modelo produtivo, baseado na innovación e o coñecemento. Ao seu xuízo, o sector TIC vai xogar un papel clave neste proceso e pactos coma o devandito, acelerarán a transformación, “apoiando a xeración de emprego estable e de calidade no sector, a retención do talento xerado nas universidades galegas, a colaboración entre as empresas e os centros tecnolóxicos e a internacionalización das pequenas e medianas empresas co apoio das multinacionais do sector, co obxectivo último de situar a Galicia como un referente en innovación tecnolóxica”.
Para Benito Vázquez, conselleiro delegado de Everis, só se pode facer unha valoración positiva dunha alianza que xunte empresas do sector tecnolóxico-dixital coas administracións implicadas na materia. E máis se temos en conta, comenta, que o sector TIC é “un claro achegador de valor e innovación, e por iso é cada vez máis importante para o desenvolvemento económico e social de calquera país desenvolvido”. Neste senso, opina, a colaboración entre institucións e entidades privadas é imprescindible, porque só así se poden artellar políticas que permitan o medre e o fortalecemento dos diferentes sectores da económica, “máis se cabe no sector TIC, polo seu carácter transversal”. Con referencia á experiencia da nosa terra no desenvolvemento dixital, salientou o acadado polo proxecto Abalar ou Smart City Coruña, ao tempo que recoñeceu que a nosa terra ten un “peso relativo na economía estatal, cousa que non lle impide amosar tódolos ingredientes para xogar un papel relevante no ámbito tecnolóxico, intensivo en talento, creatividade e innovación”. E proseguiu: “Os profesionais TIC que saen das aulas das súas universidades, traballan nos seus centros tecnolóxicos ou emprenden son dun magnífico nivel; ademais, as características de Galicia poden supoñer unha oportunidade para desenvolver tecnoloxía innovadora en sectores como a economía da saúde, a educación ou a agricultura sostible”.
En semellantes termos expresouse Javier Martín García, conselleiro delegado de Tecnocom, empresa estatal que se viu en boa medida galeguizada trala adquisición da consultora TIC Softgal e á incorporación ao seo de Tecnocom do seus traballadores. Esta experiencia sérvelle a Martín García para falar da nosa terra e do papel que representa e pode representar: “Galicia ten un nivel de desenvolvemento tecnolóxico con percorrido de mellora en canto á conectividade dixital sobre todo en zonas rurais, e alto en canto aos sistemas de información empregados en comparación co resto do territorio estatal”, comentou. Ao seu xuízo, o pacto é “moi positivo, xa que o sector tecnolóxico impulsa o desenvolvemento en todos os ámbitos contribúe de forma notable á mellora das perspectivas de futuro do sector e dos seus profesionais que na actualidade xera máis de 136.000 empregos directos”.
Para José Aracil Gallardo, director xerente de Informática El Corte Inglés, o acordo está sen dúbida na liña do que recomendan as tendencias do mercado. De feito, di, non hai máis que ollar cara ao que está a acontecer noutros países, onde xa se puxeron en marcha proxectos semellantes que permitiron maior eficacia e menos gasto. Isto repercute na posibilidade maior de reinvestir noutros proxectos TIC que benefician ao cidadán, ao empregado público e á propia industria. A iniciativa tamén foi valorada moi positivamente por Teresa Taubmann, directora xeral do Grupo SATEC, que considera que da colaboración entre os distintos actores dun sector, neste caso o sector TIC, só pode saír algo de proveito. Ademais, considera que a participación, o traballo conxunto, é indispensable para que as TIC sexan un elemento catalizador do cambio de modelo produtivo.
Polo que se refire xa ao ámbito galego, o Clúster TIC de Galicia considera que se parte das mellores condicións posibles empresarialmente falando. A xuízo de Antonio Rodríguez Del Corral, presidente do Clúster, o sector tecnolóxico-dixital é un dos que mellor está a resistir a crise, e o galego non é unha excepción. Na súa opinión, “o feito de ser un dos eidos máis dinámicos e con menos atrancos á hora de incrementar as exportacións, xunto co feito de estar considerado pola UE como peza chave para recuperar a economía, empraza ás nosas empresas nun ámbito de prioridade produtiva para o futuro de Galicia”. Este pacto, comenta, é a constatación de que o Goberno galego comparte esta visión e felicitámonos dos importantes compromisos que se plasman no texto do documento. Rodríguez Del Corral amosa deste xeito os obxectivos do Clúster ao abeiro da devandita alianza: “Favorecer en todo o posible o uso do produto tecnolóxico galego, en todos os ámbitos, pero especialmente nas solucións innovadoras para os sectores públicos”. Na súa opinión, a nosa terra “ten moitos produtos tecnolóxicos que compiten internacionalmente, pero aínda unha parte importante do sector son empresas puras de servizos; o reto é pois saber combinar produto tecnolóxico con servizo, incorporando máis produto tecnolóxico e I+D nas empresas e axudarlles a gañar tamaño e a internacionalizarse”. O Clúster confía en que o pacto lle axude neste reto, “xa que unha das mellores tarxetas de presentación dunha empresa no mercado internacional é a de contar con proxectos demostradores de éxito na súa terra”. Sobre os agoiros positivos que acompañan ao protocolo, Rodríguez Del Corral é claro: “Ao revés que outros sectores da economía, o sector tecnolóxico ten a tendencia económica global a favor, trátase dun sector que medra globalmente e que tirará da nosa economía se sabemos emprazarnos nas tendencias globais”. Segundo lembrou, nas economías máis avanzadas o peso do sector TIC global chega ao 10%, e en troques disto na economía galega e española teñen aínda máis peso relativo outros sectores primarios, polo que é preciso reconverter a estrutura da nosa economía, incrementando o peso dos sectores asociados ao coñecemento e desprazando emprego de baixa calidade cara a emprego de alta calidade. “Necesitamos unha política educativa, de formación profesional, universitaria e de incentivos que axuden a recuperar o desfase estrutural con outras economías”, sinalou.
De “positiva” tamén cualificou a medida Ramón Bescansa de la Gándara, presidente de Televés, para quen a lei dixital pode axudar de xeito decidido ao sector TIC galego establecendo plans para acadar os obxectivos das axendas dixitais. Con todo, recoñeceu que a nosa situación de partida non lle parece todo o positivamente desexable (“non hai empresas intensivas no coñecemento e polo tanto a nosa posición é feble”, subliñou), cousa que vai requirir importantes esforzos para o seu arranxo, primeiro fortalecer as devanditas excepcións, e segundo para promover a creación de empresas de base tecnolóxica con proxección internacional. Arturo Dopico, conselleiro delegado de R, sostén que é unha boa nova que en Galicia consideremos as TIC coma un dos sectores clave do futuro para a creación de emprego de calidade e para o desenvolvemento integral da sociedade. Opina ademais, que amosa sentido da oportunidade, visión estratéxica e potencial de colaboración. De feito, considera que a aposta polas empresas de aquí pódese e débese facela entre todos, cantos máis mellor, sector público e privado, “todo suma para xerar un tecido empresarial sólido que avale o futuro profesional das novas xeracións na súa propia terra”. Na súa opinión “Galicia pode e poderá seguir competindo no contexto tecnolóxico estatal e mundial se continúa a investir en innovación, en despregamento de infraestruturas de telecomunicacións ou en capacitación dos cidadáns para que se integren plenamente no contorno dixital; e tamén se prosegue a apostar polo rural galego para garantir a cobertura tecnolóxica tamén nestas zonas, e polas PEME especializadas que poden competir nos mercados internacionais, entre outras medidas concretas”.
No que atinxe a Altia, outra das empresas implicadas no protocolo, o seu presidente Constantino Fernández Pico sostén que este acordo é a todas luces positivo e que a nosa terra dispón dun sector de alto potencial no que figuran varias empresas que, en diferentes ámbitos, están a competir en primeira liña. “Creo que en Galicia estamos no que poderiamos denominar capa alta en canto a despregamento e implantación de tecnoloxías e en canto a capacidade do sector TIC”, opina. De positivo tamén cualificou a alianza Luis Alfonso Álvarez Sestelo, director xeral de Coremain, sempre e cando todo non fique no papel, “nun simple acto de sinatura”, dixo. E engadiu: “Débese proceder canto antes á definición dun plan ou plans concretos cun calendario, resultados esperados e métricas da súa evolución”. Na súa opinión, a nosa terra é un “polo tecnolóxico de relevancia na que se dan circunstancias especiais (presenza de axentes de toda a cadea de valor do sector TIC, un nivel tecnolóxico da sanidade referente a nivel mundial, orografía axeitada para pilotos de diversas tecnoloxías de comunicación ou e de asistencia remota,…) que permiten, xunto cun nivel de calidade de vida axeitado e un nivel salarial moderado, que se desenvolvan iniciativas con resultados a nivel global”. O único que falta, comentou, é elevar o nivel de idiomas porque en coñecemento tecnolóxico competimos de igual a igual co resto do mundo.
As empresas implicadas no acordo para impulsar o noso desenvolvemento dixital coinciden en cualificalo de “positivo”
Compartir Este Artigo
