Este luns inaugurouse en Santander un dos principais foros de debate TIC do ámbito estatal: o Encontro das Telecomunicacións da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), que vai xa pola súa 27 edición. Entre os persoeiros encargados de participar nos actos de apertura estivo José María Álvarez-Pallete, conselleiro delegado de Telefónica, quen salientou o papel fundamental que están a xogar as operadoras na construción do mundo dixital, “xa que ao redor delas viran outros ecosistemas, como o das aplicacións, os contidos, os sistemas operativos ou os dispositivos”. Tamén incidiu na capacidade das firmas de telecomunicacións para proporcionar privacidade e seguridade das comunicacións, e tamén servizos innovadores tanto en prezo como en posibilidades. Na súa opinión, é hora de rematar coa desvantaxe europea en materia de crecemento económico ligado ás telecomunicacións.
Neste senso, pediu máis esforzos conxuntos (por exemplo a prol dunha simplificación da contorna regulatoria) e meirande espírito de competitividade e lembrou que malia o crecemento do tráfico experimentado nos últimos anos, as operadoras europeas son as únicas do mundo que non medran en ingresos. Álvarez-Pallete acompañou o seu relatorio cunha comparación entre os 339 operadores móbiles existentes en Europa fronte aos 9 de Estados Unidos ou os 3 de China, e confrontando os 27 marcos regulatorios que coexisten na Eurozona fronte aos referentes normativos únicos que rexen para a industria tanto en Estados Unidos como en China.
José María Álvarez-Pallete subliñou tamén “o esforzo investidor sostido por parte de Telefónica” e comparou o investimento de 9.500 millóns de euros acometido pola compañía en 2012 cos ingresos combinados de dous xigantes de Internet, como é o caso de Yahoo e Facebook e que representan 7.900 millóns de euros.
Álvarez-Pallete avoga no Encontro das Telecomunicacións da UIMP por relanzar a industria europea
Compartir Este Artigo
