A compañía galega Denodo Techologies segue a reforzarse de cara a impulsar un proceso xa en marcha dende hai anos: o seu afianzamento nos mercados tecnolóxicos que máis innovación atesouran. Así, logo do fortalecemento achegado por Rafael Villares (Oriente Medio, África e Europa) e a presentación da súa plataforma de virtualización (a entrega 5.0), a firma que dirixe o galego Ángel Viña anuncia a incorporación de Marta Salvador como nova directora de Marketing para EMEA (Europa, Oriente Medio e África) e Latinoamérica. Salvador, que conta cunha ampla experiencia no sector servizos (dende o que dirixiu durante once anos o negocio familiar), ocuparase do desenvolvemento da compañía en ambos os mercados, cos que Denodo xa está de abondo familiarizada.
Marta Salvador é enxeñeira industrial pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Madrid. Segundo explica Denodo, “os numerosos anos de dirección empresarial completaron esta formación técnica en aspectos tales como a xestión de recursos humanos ou a vital importancia de axilidade e estratexia para a empresa”. En palabras de Marta Salvador, “coa miña incorporación a Denodo, agardo enriquecer aínda máis esa visión global coa experiencia que supón un departamento de mercadotecnia de alcance global, do mesmo xeito que confío en achegar valor ao devandito departamento”. Salvador compaxinará o seu novo traballo en Denodo coa súa carreira como escritora e a publicación nos vindeiros meses da súa segunda novela.
A galega Denodo nomea á escritora e enxeñeira industrial Marta Salvador nova directora de Mercadotecnia
Compartir Este Artigo
