O pasado mércores 4 de setembro o campus de Ourense acollía unha mesa redonda para abranguer o tema da regulación das enxeñarías e enxeñarías técnicas en informática. O problema exposto xirou arredor do anteproxecto de Lei de Servizos Profesionais, que nun principio deixaba fóra da listaxe de enxeñarías ás vertentes citadas. Con todo, o tema segue a dar moito de si e o campus ourensán abría unha proposta titulada As profesións informáticas e o papel dos colexios profesionais, coloquio inserido dentro dos actos que a Escola Superior de Enxeñaría Informática ourensá organiza esta semana co gallo do comezo académico 2013/2014.
Presentada por Ana Garriga -directora do centro- á mesa tamén se quixeron unir Fernando Suárez (presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) e Marcos J. Mata (presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia). Ao longo da comparecencia transmitiuse aos estudantes da escola a importancia de unir forzas a través de entidades como as súas para ter voz propia e representatividade perante os órganos de decisión e participar así das decisións que lles afectan. No acto tamén se subliñou o carácter ambiguo da situación que se está a vivir froito da polémica lei porque -segundo explicou Marcos J. Mata- “seguimos sendo unha profesión regulada oficialmente e non están recoñecidas as nosas atribucións profesionais”, pois con esta lei non se regula esta enxeñaría pero establécese a creación dunha comisión de reforma das profesións que deberá emitir informes preceptivos sobre novas propostas de lei de atribucións profesionais.
Alén disto, os actos de inauguración do curso 2013/2014 levados a cabo hoxe -xoves 5 de setembro- na Escola Superior de Enxeñaría Informática continuarán coa inauguración da Aula Ada Augusta Byron, en homenaxe á muller considerada como a primeira programadora da historia. O profesor Manuel Pérez Cota ofrecerá a conferencia Augusta Ada Byron, a muller que nos puxo no futuro; amais de celebrarse un Obradoiro de introdución á informática, impartido polos profesores Daniel González e Miguel Reboiro e aberto a todas as persoas interesadas.
A ESEI de Ourense inaugura curso acollendo un debate sobre a polémica Lei de Servizos Profesionais
Compartir Este Artigo
