A empresa galega Egatel, situada no ourensán Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, está de celebración, pois vén de ser seleccionada -xunto a outras 17 empresas e 6 centros de coñecemento- para levar a cabo catro proxectos de innovación que abranguen diversos eidos como o sanitario, o vitivinícola e o da aeronáutica aplicada á extinción de incendios. Emporiso, o financiamento (procedente do programa FEDER-Innterconecta) co que se contará para emprender estes traballos será desenvolvido ao longo de dous anos, contándose con 9 millóns de euros, achegados polas empresas e polo programa de capital mixto Unión Europea-Xunta de Galicia xestionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).
Indo por partes, o primeiro dos proxectos sitúase na área da sanidade e coñécese co nome de ISHEM. Trátase dunha iniciativa que reúne os esforzos de empresas de tres sectores distintos -TIC, sanitario e automoción- co fin de desenvolver unha plataforma integral para a xestión eficiente das emerxencias sanitarias. O resultado serán aplicacións de valor engadido integradas en vehículos para intercambiar información en tempo real cos centros de coordinación (061 e 112) e os centros sanitarios de destino.
Neste mesmo ámbito, o sanitario, desenvólvese o proxecto QUIRAV, que ten como obxectivo a mellora de todos os procesos que teñen lugar nos quirófanos mediante un sistema experto capaz de integrar toda a información procedente dos múltiples equipos presentes nos quirófanos.
No eido vitivinícola, o proxecto SIMOVI ten como meta a creación dunha plataforma tecnolóxica de monitorización de viñedos capaz de optimizar a xestión de todo o proceso vitícola, mellorando o control de calidade das colleitas e o seu impacto no produto final. A solución baséase en utilizar cámaras de vídeo dotadas dun sistema de visión multiespectral con procesamento integrado. As cámaras apuntarán ás vides e realizarán unha medición densa e en rede de parámetros relacionados coa saúde do viñedo (clorofila, brotes de pragas) e as características das uvas (azucres, taninos, carotenoides), etc.
Outro dos proxectos é o XMIST, centrado no deseño dun sistema integral para a detección e apagado de incendios mediante o uso de hidroavións non tripulados. As aeronaves controlaranse mediante un avanzado sistema de comunicación non asistido que, de maneira automática, realizará todo o proceso.
Egatel participará en 4 proxectos de innovación sanitaria, vitivinícola e de extinción de incendios
Compartir Este Artigo
