O portal da Xunta vén de poñer á disposición da cidadanía unha nova aplicación, de nome Servizos no mapa, encamiñada a facer máis doada a localización dos equipamentos e servizos da Administración pública (culturais, educativos, sanitarios) tanto autonómica coma estatal e local. O acceso a Servizos no mapa está dispoñible no portal corporativo, en Espazo e! ou nunha ruta específica de seu. A funcionalidade dispón de máis de 4.300 recursos xeorrefenciados, aos que se irán incorporando de xeito progresivo, informa o Goberno galego, novos tipos de servizos “co obxectivo de converterse nunha guía de referencia para coñecer os datos de contacto e localización destes no territorio”.
Entre as súas principais vantaxes figura a de que permite localizar de xeito sinxelo os distintos servizos realizando buscas por palabras, provincias e concellos, tipos de servizos e temáticas destes. O mapa pode visualizarse de forma reducida ou ampliada e para cada tipo de servizo amosa iconas específicas sobre as que se pode premer para consultar os datos relacionados con cada recurso (enderezo, teléfono, correo electrónico, páxina web, horario…). Arestora ofrece información a localización detallada e os datos de contacto dos centros educativos; farmacias; centros de saúde; de hospitais e centros de especialidades; a Rede de Arquivos de Galicia; da Rede de Aulas da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), da Rede de Bibliotecas de Galicia; das Oficinas de Rexistro e Información da Xunta de Galicia; dos museos e coleccións visitables do Sistema Galego de Museos; das oficinas de turismo; dos Centros de Información á Muller e das Oficinas do Instituto Galego de Consumo.
En marcha unha ferramenta para localizar os centros de servizos públicos
Compartir Este Artigo
