De ter en conta o que nos din estes días dende o Hospital Clinic de Barcelona, as tecnoloxías teñen o seu reverso. Ou sexa, engádese, que vivir conectados pode pasar factura ás persoas con determinadas sensibilidades, de haber ondas de por medio. Falamos por exemplo de teléfonos móbiles, accesos Wi-Fi, teléfonos fixos en fíos e outros aparellos e electrodomésticos que, sen ter relación coas TIC, tamén nos lanzan a súa ración de campos electromagnéticos. O caso é que o común da xente non se ve afectada por eles, pero hai unha certa cantidade de persoas que segundo estudos dun especialista do dito centro semellan estar desenvolvendo problemas de electrosensibilidade, trastorno derivado da exposición ás ditas ondas e que, entre outras cousas, provocaría dores de cabeza, cansazo ou problemas de memoria. O caso, sinálase, é que de existir esta doenza sería unha doenza sen cura: podemos fuxir das ondas que provocan os nosos aparellos, simplemente non empregándoos, pero como fuxir das do demais? Como dicirlle ao veciño que non teña Wi-Fi?
Estes trastornos non están recoñecidos polo Comité Científico Asesor en Radiofrecuencias e Saúdes nin tampouco pola Organización Mundial da Saúde, que non os identifica como tales nin tampouco como unha doenza común. Con todo, segundo informa Ana Ramil dende El Faro de Vigo, hai médicos como Joaquim Fernández Sola, experto en electrosensibilidade do Hospital Clinic de Barecelona, que si que recoñecen a existencia deste mal. Ao seu xuízo, “é certo que unha de cada mil persoas é sensible á exposición dos devanditos campos”. A solución: arredarse destas ondas, algo tan sinxelo de dicir como difícil de levar a cabo, tendo en conta o mundo conectado no que vivimos. Segundo recorda o médico na dita reportaxe, en países como Suecia si que está recoñecido este trastorno. E noutros países xa se prohibiu de xeito firme o emprego de tecnoloxías sen fíos nos colexios ou en recintos pechados como autobuses ou trens. Nesta liña de ter un mínimo de precaución, que non de crear alerta, móvense colectivos como a Plataforma Estatal contra Contaminación Electromagnética, que pide que se desconxestionen de ondas electromagnéticas determinadas áreas de uso público e facendo especial fincapé nos cativos, que son os máis sensibles, por estar desenvolvéndose e medrando, a este tipo de exposicións. Volvendo a Europa, lembrar que en Reino Unido hai anos xa que se traballa con máis prudencia no que a saturación de ondas se refire: hai unha chea de colexios que teñen prohibidas estas tecnoloxías, en boa medida pola preocupación dos pais e de carta parte dos especialistas médicos, que aseguran que os nenos poden ser vulnerables á radiación destas ondas debido á fraxilidade dos seus cranios. Nesta liña tamén traballa a asociación española Escolas sen Wi-Fi, que esixe ás institucións que apliquen o principio de precaución, tal e como o Consello de Europa solicitou no ano 2011 na súa resolución 1.815 sobre perigos potenciais dos campos electromagnéticos e os seus efectos no medio ambiente.
Novos estudos defenden a existencia de trastornos derivados electrosensibilidade ás ondas
Compartir Este Artigo
